BNG presentou 30 emendas para mellorar a Lei de Cambio Climático
O Deputado BNG, Néstor Rego, presentou en conferencia de prensa as emendas que a formación nacionalista presentou á Lei de Cambio Climático “co obxectivo de mellorala, avanzar en cuestións que non están adecuadamente recollidas, garantir a transición xusta e corrixir algún aspecto que consideramos negativos”. Plans forestais, reversión das concesións hidroeléctricas, impulso ás redes ferroviarias de viaxeiros e mercadorías, atención ás comarcas afectadas polo fechamento de térmicas ou apoio aos concellos e ao sector pesqueiro para afrontar os desafíos da transición, son algunhas das cuestións abordadas nas emendas.
Néstor Rego afirmou que o BNG, que sempre abandeirou a defensa do medio no noso País, é un convencido defensor da necesidade de avanzar na transición ecolóxica e de camiñar para a descarbonización da economía se quixermos salvar o planeta da voracidade predadora inherente ao sistema capitalista. Nese sentido, considerou necesaria unha Lei que estabeleza os criterios que deben rexer o proceso de transición para unha economía descarbonizada para garantir o cumprimento dos obxectivos estabelecidos para 2030 e 2050 e, aliás, valorou como positivos a maioría dos contidos do proxecto actualmente a debate.
En todo o caso, o BNG rexistrou 30 emendas que, en palabras de Rego, “teñen por obxectivo mellorar a Lei, avanzar en cuestións que non están adecuadamente recollidas, garantir a transición xusta e corrixir algún aspecto que consideramos negativo”. Nesa liña van diferentes emendas de adición, como a que propón incorporar a relevancia dos Plans Forestais para o mantemento da diversidade e a conservación e restauración dos bosques autóctonos, cunha moratoria na plantación de eucaliptos e a prohibición de plantar eucaliptos nitens e outras especies foráneas invasoras nos nosos montes.
Tamén propón a formación nacionalista regular a reversión das concesións hidroeléctricas para que, unha vez finalizadas e sempre que se consideren compatíbeis con criterios ambientais, poidan pasar a aproveitamento público, con criterio de utilidade pública e interese social e mesmo xestionadas polos concellos ou o Goberno Galego.
Garantir a transición xusta nas zonas afectadas polo fechamento de térmicas -no noso país as comarcas das Pontes e de Cerceda- ou o apoio á transición no sector automobilístico son aspectos salientábeis da posición do BNG.
Rego fixo especial fincapé nas emendas que procurar “desenvolver o transporte ferroviario no noso país, claramente atrasado neste aspecto, pois temos unha rede interna deficitaria, sen servizos de proximidade e sen coas conexións cos Portos exteriores de Ferrol, A Coruña ou o Porto de Vigo aínda pendentes”. Para o deputado nacionalista é necesario avanzar nun modelo de mobilidade sustentábel como a que representan os camiños de ferro, polo que reclamou unha actuación decidida nese sentido. Tamén máis apoio aos concellos e ao sector pesqueiro para poderen afrontar os desafíos da transición recollidos na Lei.
En relación co polémico artigo 18, que modifica de forma encuberta a Lei de Costas, Néstor Rego sinalou que o BNG ten presentada unha emenda de supresión por considerar que pon en risco a continuidade de centenas de pequenas empresas do complexo Mar-Industria Alimentar, vinculadas aos nosos sectores pesqueiro e marisqueiro e que son actividades sustentábeis e respectuosas co medio. “Cando se lexisla desde Madrid con criterios uniformes para situacións diferentes e desde o descoñecemento da nosa realidade, acontecen estas cousas. Non podemos permitir que aboquen á desaparición actividades ben integradas nas zonas costeiras e que xeran millares de postos de traballo. Desde logo, o BNG vai pelexar para que estas actividades fiquen excluídas das previsión desta Lei tal e como está”, subliñou Néstor Rego.
O deputado nacionalista denunciou tamén a actitude “mafiosa” do Partido Popular de mentir e divulgar falsidades sobre a posición de voto do BNG e esclareceu que a formación nacionalista non fai parte do relatorio da Lei de Cambio climático. “O PP mente intencionadamente. Mal pode o BNG votar no relatorio se nin sequera está presente porque non é membro del. Xa pretender responsabilizar o BNG do voto de outros partidos é o colmo do cinismo. Polo BNG só vota o BNG, non ningunha outra forza política, evidentemente non un partido madrileño”, enfatizou Rego.
Como exemplo dese mesmo ‘comportamento mafioso’ do Partido Popular, o deputado do BNG denunciou o ataque que sufriu onte o Goberno municipal de Pontevedra e o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores por parte de algúns traballadores de ENCE. Rego expresou a total solidariedade ao alcalde, do que louvou a súa firmeza e coherencia en defensa dunha ría rexenerada e produtiva. “Levamos moitas décadas defendendo o mesmo: ENCE ten que saír da Ría.
O deputado nacionalista aproveitou para esclarecer que o caso da pasteira en dominio público é diferente, porque a concesión dunha prórroga de 60 anos foi dada irregularmente por Mariano Raxoi e está neste momento en proceso xudicial. “Nós esperamos que a resolución sexa para anular esa prórroga, mais en todo o caso seguiremos loitando para que ENCE saia da Ría”, sinalou, para precisar que o que defende o BNG é a continuidade de “actividades sustentábeis como depuradoras ou cocedeiros de marisco” e non a dunha pasteira que non debe estar aí.
Néstor Rego afirmou entender a preocupación dos traballadores polos seus empregos, mais defendeu que a vía é a do diálogo, como está a defender a maioría do Comité de Empresa, e a da presión á dirección para que acepten o traslado fóra da ría. Aliás, aclarou que comportamentos mafiosos como o producido onte “están organizados polo PP e a dirección da pasteira e non contan co apoio maioritario dos traballadores e traballadoras, porque nin sequera contan co apoio da maioría do Comité. Lamentabelmente CCOO converteuse na punta de lanza da estratexia mafiosa e chantaxista do PP, do capital e da pasteira, mais que teñan claro que ao BNG nunca o van dobregar” sentenciou.