BNG presenta emenda á totalidade ao pacto PP-PSOE e critica que non cuestione as políticas da UE
O BNG plantexa outro modelo centrado nas necesidades da xente
As deputadas do BNG no Congreso realizan unha contraproposta plasmada en diversos puntos que piden que o pago da débeda deixe de ser a prioridade absoluta, non se contemplen exixencias ao Estado español en materia económica, que a acción do Goberno deixe de estar intervida pola Troika, e se contemple a devolución íntegra dos aforros aos afectados polas preferentes.
No que atinxe a Galiza, o BNG demanda a eliminación das restriccións e vetos ao naval, ao sector agro gandeiro e ao pesqueiro.
Pide o BNG que o obxectivo prioritario sexa o crecemento económico e a creación de emprego, combater sobre todo o desemprego xuvenil, e loitar contra a fraude fiscal e os paraísos fiscais.
O bipartidismo só trata de salvarse a sí mesmo
Davila pón de manifesto que desde o inicio da crise o PP e o PSOE son cómprices no esencial: a política económica. Comparten e defenden o deseño neoliberal da UE e asumen o esquema anti social. Nese sentido, lembran que tanto Zapatero como Rajoy aplican as receitas da Troika sen rechistar, e que a evidencia de que camiñan polo mesmo sendeiro foi o pacto acadado en 2011 para reformar a Constitución de xeito exprés e fixar un obxectivo de défice.
Mañá levan ao pleno un novo pacto, subliña, que escenifica como o bipartidismo se aferra a un esquema de UE que a cidadanía rexeita porque os pobos son os que sofren as súas consecuencias: salarios cada vez máis baixos, empobrecemento social, encarecemento da vida, eliminación de servizos públicos, paro e dificuldades para afrontar o día a día. É isto o que o PP e o PSOE defenden?, pregúntase Davila.
A portavoz do BNG deixará claro o rexeitamento dos nacionalistas galegos a este novo pacto do bipartidismo que non supón un cuestionamento das actuais políticas europeas, e que se limita a facer un brindis ao sol. O BNG, puntualiza, non vai participar dunha manobra de distracción, dunha estratexia de confusión só para salvar a cara do bipartidismo hoxe en horas baixas e fortemente cuestionado a nivel social.
Ademáis, Davila criticará as formas de PP-PSOE que nos traen á Cámara un pacto pechado, acordado entre dous, e que nen siquera foron quen de consensuar con outras formacións parlamentares. O cenário está claro, é un partido de tenis que xogan dous e pretenden que os demáis sexamos meras comparsas.