O BNG pide á Xunta que interceda para desbloquear a negociación do convenio das fundacións biomédicas de Investigación sanitaria
A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe na comisión de sanidade unha proposición non de lei para “desbloquear a negociación do convenio colectivo dos investigadores e investigadoras das fundacións biomédicas de investigación sanitaria”.
A parlamentaria explicou que para negociar o convenio laboral foi nomeado un mediador ligado a unha consultora laboral que mostrou, desde o inicio, “unha grande inflexibilidade para acadar un acordo”. O colectivos de investigadores trasladaron ao BNG a necesidade de nomear a un novo interlocutor e a xuízo da deputada debe ser “a propia consellería quen tome agora esta iniciativa”.
Pola súa parte, o portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno afirmou que as negociacións están xadesbloqueadas ao que a nacionalista respondeu que de ser así o Partido popular votaría a favor da iniciativa do BNG, circunstancia que non se produciu e quedando rexeitada cos votos do PP a proposición non de lei defendida pola parlamentaria, Montse Prado.
Para a deputada do BNG, o voto en contra á iniciativa constata que “o Partido popular non considera unha prioridade a investigación” tendo en conta, ademais o escaso orzamento que lle asigna a esta materia e a opacidade “nas contas” das propias fundacións.
Resulta imposible, dixo, acadar unha investigación sanitaria de calidade cando os investigadores e investigadoras “viven na precariedade laboral”. Máis de cincocentas persoas perciben uns salarios “miserables” e reiterou que o BNG seguirá apoiando ao colectivo porque a investigación debe ser “prioritaria”.
Prado criticou o “dobre raseiro” da Consellería de sanidade que por unha banda, “gaba o traballo investigador” polos beneficios que aporta á Galiza e a investigación clínica que reverte na saúde da poboación, e ao tempo obriga aos investigadores e investigadoras a traballar con “absoluta precariedade laboral e inestabilidade”.
O Partido popular desoíu a petición da deputada e votou en contra da iniciativa do BNG. A deputada, tras solicitar o apoio ao colectivo cualificou de “inaceptable” que o Partido popular mantivera a súa posición negándose a aprobar o nomeamento dunha persoa que mediara para desbloquear as negociacións do convenio laboral.