O BNG pide á xunta que se implique no conflito da ambulancias e rescate o servizo para o sector público
Montse Prado lembra que o vindeiro venres comeza unha folga para denunciar a precariedade laboral e grave deterioro dos medios no sector polo que pediu ao goberno que inicie os trámites para rescatar “progresivamente” o transporte sanitario e que a súa xestión dependa da Xunta de Galiza
A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Montse Prado instou hoxe á Xunta a “implicarse” no conflito das ambulancias e a iniciar, sen dilación, “os trámites” para rescatar un servizo esencial na asistencia sanitaria que debe ser público. Lembrou que o vindeiro venres 8 comeza unha folga ,intermitente, do 8 ao 11 de febreiro, do 18 ao 24 de febreiro e do día 4 ao 10 de marzo, despois terá carácter indefinido si as demandas dos traballadores e traballadoras non atopan resposta polo que pediu ao Partido popular que “rectifique” e rescate o servizo de ambulancias para o sector público.
A parlamentaria criticou que o Sergas sega “botando balóns fora” argumentando que o conflito só atinxe a traballadores e traballadoras coas empresas que prestan o servizo cando en realidade, dixo , “é unha concesión da administración pública” e a Xunta debe velar polo cumprimento da concesión. Neste sentido, lembrou que a patronal négase a asinar un convenio “paralizado dende hai tres anos”, e mesmo propón a súa rebaixa nun 10% que implica: redución do 6%-7% salarial, retirada dos complementos por IT, redución dos días de asuntos propios, creación de tres escalas salariais á baixa, e recortes no lavado de roupa e uniformes.
Ante as propostas das empresas concesionarias, os traballadores e traballadoras reclaman un convenio que conteña melloras laborais e incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido dende 2015, recoñecer a terceira paga extra, reducir o número de horas, ampliadas nos tres últimos anos polo incremento do 20% dos servizos e melloras na prevención de riscos e saúde laboral. Mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, explicou Prado, neste sector, a pesar de contar cunha media de idade de 40 anos, as baixas –na inmensa maioría por problemas músculo-esqueléticos- sitúase no 13%.
Ademais, reclamou limitar o abuso da contratación en prácticas polo que traballadoras e traballadores perciben, durante o primeiro ano o 60% do salario base e no segundo o 70% e controlar o número de ambulancias operativas e o emprego do transporte do Sergas para servizos privados.
Prado incidiu en que no se está a incumprir a prevención de riscos. “Non se informa da patoloxía de doentes infecto contaxiosos para evitar contaxios a doentes inmunodeprimidos, a profesionais e familias”.
Para a deputada, a situación é consecuencia dunha concesión “á baixa” como xa advertiu o BNG no seu momento. A beneficiada maioritariamente polas concesións, dirixida por un destacado membro do Partido popular, viña precedida de denuncias por precariedade laboral e asistencial en Catalunya, Cantabria, Aragón e Euskadi e aínda así, vostedes, dixo, seguiron adiante.
A portavoz de sanidade e deputada do BNG, reiterou o carácter de servizo público do transporte sanitario e responsabilizou ao o Sergas de “non velar pola garantía dos dereitos dos traballadores e traballadoras das empresas adxudicatarias” nin “vixiar” para que se cubra o servizo con todas as garantías. A deputada pediu ao Sergas que rectifique e non priorice nos concursos de adxudicación criterios económicos en detrimento da calidade asistencial no transporte sanitario terrestre.
NOVO CONCURSO 061
Ante o iniciou do novo concurso do 061 para transporte sanitario, pediu completar o número de vehículos e persoal para impedir a contratación de empresas que non cumpran os requisitos e impedir que “unha soa persoa viaxe no vehículo que atende as urxencias do 061”.
Na súa intervención, reiterou a necesidade de iniciar os trámites para acadar un “progresivo rescate” do servizo de ambulancias e que a súa xestión dependa da Xunta de Galiza. A concesión remata en outubro pero hai tempo de tomar as medidas necesarias para o rescate dos servizos externalizados, sentenciou.