BNG pide a xestión directa dos fondos europeos desde Galiza e demanda “transparencia” dos proxectos que optan a financiamento
Ana Pontón preguntará a Feixóo sobre os fondos Nex-generation tras a entrevista con Sánchez na Moncloa e a súa renuncia a defender os intereses de Galiza
BNG interpela a sanidade sobre a terceira onda da COVID e a vacinación irregular da alcaldesa de Boimorto
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil compareceu ante os medios de comunicación para avanzar os asuntos que serán tratados, á iniciativa do BNG, na vindeira sesión plenaria. Na sesión de control, dixo, preguntaremos sobre os fondos Next-generation e a renuncia do presidente da Xunta a defender os intereses de Galiza no encontro que mantivo con Pedro Sánchez o pasado 29 de xaneiro na Moncloa. Neste sentido, anunciou que o BNG reclamará a “xestión directa destes fondos desde Galiza” e en contra do modelo “centralista” do goberno español que busca manter toda a capacidade e decisión sobre os investimentos, afirmou.
“Xogámonos o futuro deste país para a próxima década”, e dende o BNG consideramos que o acceso aos recursos económicos para a recuperación económica deben partir de tres premisas: A xestión directa dende Galiza
co mesmo criterio que a Unión Europea utiliza cos Estados Membros. “Porque cando outros deciden por nós este país sempre sae perdendo”. En segundo lugar exiximos “transparencia” porque a Xunta está a actuar cunha “enorme opacidade a respecto dos proxectos que optan a ser financiados” negando información aos grupos parlamentarios pero tamén ao conxunto da sociedade deste país sobre quen os impulsa, en que termos, e sobre que criterios manexa a Xunta de Galiza para defender uns proxectos e desprezar outros.
Recursos económicos para os sectores máis afectados
Ligado a esta cuestión, engadiu a nacionalista, a UE e o Goberno español apostan por un modelo de concentración e centralización é dicir, que os fondos europeos favorezan aos grandes grupos e empresas do IBEX. Se na crise de 2008 a gran beneficiaria foi a Banca e entidades financeiras, nesta ocasión serán as multinacionais. Fronte a iso, o BNG defende que os “recursos económicos cheguen ás traballadoras e traballadores, á pequena e mediana empresa e ao tecido produtivo galego”.
Por outra banda, o BNG tamén leva á sesión plenaria da Cámara galega diversos asuntos relacionados coa xestión da crise sanitaria. Solicitamos de novo a comparecencia de Feijóo para que dese conta da evolución da pandemia, pero o Partido Popular rexeitou esa posibilidade polo que formularemos unha interpelación ao conselleiro de sanidade para abordar a situación na terceira onda e o Plan de vacinación.
O que lle pedimos desde o BNG á Xunta de Galiza coas vacinas, “é previsión e planificación”. Hai un problema de escaseza de vacinas, iso é evidente e temos que desenvolver con axilidade e as garantías a campaña de vacinación clarificando os medios, os recursos humanos, os lugares para subministrar as vacinas, o procedemento para chamar as persoas e que colectivos van ser vacinados e en que orde.
Vacinación irregular da alcaldesa do PP de Boimorto
A respecto do plan de vacinación, o BNG proporá que as traballadoras e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar sexan “colectivo prioritario na seguinte fase de vacinación” porque son un servizo sociosanitario esencial que atende máis de 24.000 persoas dependentes en Galiza e polo momento non están nin en previsión.
“Vacinouse antes a alcaldesa do PP de Boimorto que as traballadoras do SAF. Un feito polo que esixiremos explicacións no próximo pleno”.
Finalmente defenderemos unha moción para deseñar un plan de axudas aos sectores máis afectados pola crise económica. Despois do fracaso das negociacións da pasada semana pola “cerrazón do PP e do PSOE”, no vindeiro pleno, todos os grupos terán a posibilidade de apoiar un acordo baseado na colaboración inter-administracións co mesmo esforzo orzamentario por parte de todas, e xestión áxil.
Dixémolo desde o primeiro día. “A emerxencia sanitaria e económica na que estamos esixen altura de miras e o BNG continúa coa man tendida para propiciar o acordo e a colaboración entre as forzas políticas e as distintas administracións”, reiterou Rodil.