Ana Pontón: "A reunión de Feixoo con Sánchez é un bluf e volve coas mans baleiras a pesar da situación de emerxencia de Galiza"
“O único que trae é un novo retraso na chegada do AVE é disque moitas expectativas, pero nada para atallar a crise sanitaria e económica”, alega
Lamenta que non solicitase un confinamento cando os datos da pandemia superan xa aos da primeira onda que supuxo un peche de tres meses
Critica a falta de ambición co fondo Next Generation, pois dos 108 proxectos publicitados so defende cinco e o resto son “ciencia ficción”
A portavoz nacional, Ana Pontón, lamentou a falta de resultados do encontro mantido entre o presidente do Goberno do Estado e da Xunta: “A reunión entre Sánchez e Feixóo foi un auténtico bluf e ben que lamento ter que dicilo así, pero o certo é que o presidente da Xunta volve coas mans baleiras a pesar da situación de emerxencia sanitaria, económica e social que temos no país”.
Un encontro que remata sen nada concreto para Galiza, pese as moitas cuestións pendentes, algunhas das cales son exactamente as mesmas que se plantaron na xuntanza que mantiveron fai dous anos con idéntico resultado final, demostrando “a falta de peso político e a incapacidade de Feixóo para defender os intereses dos e das galegas”.
“O resumo do encontro é cero propostas para afrontar a pandemia, cero propostas para enfrontar a crise económica, cero propostas para frear o declive industrial vinculado á transición enerxética”, recalcou, “o único concreto é un novo retraso na chegada do AVE”, salientou a líder nacionalista.
En relación á dramática evolución da COVID en Galiza, Pontón lamentou que Feixóo “perdese a oportunidade de reclamar un confinamento ao presidente do Goberno central, tendo en conta que é a única medida que pode cortar de raíz a vertixinosa cadea de contaxios e polo tanto salvar vidas, media que solicitan cada vez máis expertos e persoal sanitario”.
A líder nacionalista tamén criticou a falta de ambición do xefe do Executivo galego á hora de conseguir un reparto xusto dos fondos europeos de recuperación económica, o Next Generation.
“O propio Feixóo deixou claro na súa comparecencia que os publicitados 108 proxectos para concorrer a estes fondos son pura ciencia ficción a excepción de cinco, e o resto queda nun mero recheo”, denunciou, o que conleva que, no mellor dos casos, Galiza recibiría un 4,6% do total das axudas directas, moi por debaixo dos 12.900 millóns de euros que solicita o BNG. Igualmente, tamén renuncia a que eses recursos sexan xestionados directamente desde aquí, e volve abrazar a recentralización na que Galiza sempre perde.
A única cuestión concreta dese encontro, recalcou Pontón, foi a rebaixa das peaxes da AP9 e a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, “que como todo mundo sabe é froito do acordo de investidura pactado entre BNG e PSOE, que aspiramos se materialice canto antes tendo en conta que dispón dunha partida nos orzamentos do Estado por importe de 55 millóns de euros”, concluíu.