O BNG pide trasladar a Galiza o patrimonio cultural do Centro Galego de Bos Aires
Ante a posible venda do histórico Centro galego de Bos Aires ao fondo de inversión, Grupo Ribera Salud, o BNG anuncia que rexistrará unha batería de iniciativas para reclamar que a Xunta de Galiza adopte as medidas necesarias para que os fondos sexan trasladados a Galiza e pasen a formar parte do patrimonio público galego.
A portavoz de cultura, Olalla Rodil asegura que a Lei de Patrimonio cultural de Galiza 5/2016, no seu artigo 4, obriga ao Goberno galego a salvagardar o patrimonio cultural que se atope no exterior, especialmente en Latinoamérica.
En virtude do disposto na lexislación vixente, anuncia Rodil, o BNG instará á Xunta, ante da gravísima situación económica na que se atopa o Centro Galego e que rematará, previsibelmente coa venda desta entidade ao fondo de investimento, “que actúe e defenda o patrimonio galego na diáspora”. O Centro Galego conta cunha biblioteca con 20 mil volumes, algúns deles primeiras edicións con exemplares de enorme valor histórico; un arquivo sonoro de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais como: Otero Pedrayo, Castelao, Cunqueiro, Blanco Amor ou Martínez Risco ademais dunha pinacoteca con obras de Luís Seoane e Carlos Maside.
“A Xunta de Galiza non pode deixar abandonado este patrimonio” e dende o BNG instamos ao Goberno galego a actuar e adoptar as medidas necesarias para garantir a salvagarda do patrimonio galego no exterior e traelo a Galiza permitindo que poida ser desfrutado por todas as galegas e galegos.