O BNG pide á sociedade galega que se una para frear o pucheirazo eleitoral do PP
O BNG pídelle á sociedade galega que se una para parar o pucheirazo eleitoral que prepara Feijoo para manter ao PP no poder mediante unha redución de escanos no Parlamento Galego.
Así, o manifestaron esta mañá en rolda de prensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz do Grupo Parlamentar, Ana Pontón, quen anunciaron tamén que o BNG non participará na farsa da proposta do PP, porque hai outras formas de reducir o gasto público e non a costa de recortar a democracia.
O epílogo indigno do peor presidente de Galiza
Para o portavoz nacional do BNG, a proposta de pucheirazo eleitoral que plantexa o señor Feijoo vai ser o epílogo indigno do peor presidente da Xunta de Galiza, vai pasar á historia como o presidente que quixo permanecer no poder a calquera prezo.
Guillerme subliñou que para BNG que quede claro: non se trata de defender ningún privilexio, trátase de defender a democracia e a nosa dignidade como nación, como país que somos, mal que lle pese ao señor Feijoo.
Neste sentido, anunciou que o BNG non participará nesta farsa antidemocrática e non será cómplice do intento de Feijoo de vulnerar as regras de xogo democráticas.
Animamos a todas as forzas políticas e sociais a frear este pucheirazo eleitoral
Guillerme defendeu que se quere falar de diminuír o gasto público o BNG ten propostas para facelo, antitéticas ás do PP, por exemplo, suprimamos as compañas de propaganda da Xunta ou suprimamos as deputacións, en vez de engordalas.
O PP non busca o aforro, senón manterse no poder mediante un golpe antidemocrático reducindo o número de escanos do Parlamento Galego
Ante esta situación, o portavoz nacional do BNG convidou a todas as forzas políticas e sociais a pronunciarse contra este pucheirazo, e estou seguro de que se todos e todas nos opoñemos faremos retroceder ao PP neste golpe antidemorático antes de que se consume. É imprescindible evitar que este golpe antidemocrático non se consume e, en todo caso, se o PP insiste en romper as regras de xogo democráticas que o faga só, advertiu.
Ana Pontón: O PP sabe que neste momento non ten a maioría absoluta e quere manterse no poder mediante un fraude eleitoral
Na mesma liña se pronunciou a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón quen denunciou que a proposta que onte a mediodía remitía por mail o portavoz do Grupo Parlamentar do PP para reducir o número de escanos do Parlamento Galego está baseada en premisas falsas e é un intento desesperado do PP por perpetuarse no poder.
Ana Pontón afirmou que o PP é consciente de que neste momento non ten a maioría absoluta, que a ten perdida, e o único que está intentando facer é cambiar as regras de xogo co obxectivo de conseguir máis escanos no Parlamento Galego con menos votos. E isto -advertiu- para o BNG só ten un nome: fraude eleitoral.
O PP quere cambiar unilateralmente as regras de xogo democráticas antes das eleccións
A portavoz nacionalista no Parlamento Galego defendeu que calquera cambio das regras democráticas ten que ser froito dun debate sosegado, ten que ser froito dun amplo consenso social e político e estudado con detenemento, e nunca antes xusto dunha convocatoria eleitoral.
Neste sentido, Ana Pontón denunciou que a proposta do PP incumpre eses requisitos e rompe claramente coas normas democráticas, alterando un principio básico nun sistema democrático como é a proporcionalidade e a representatividade dos cidadáns, pois esta proposta do PP afonda na desproporcionalidade do sistema.
Ademais, a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG advertiu de que a proposta de Feijoo enmárcase nun proceso de involución democrática e de recentralización e de baleiramento das competencias do goberno galego.
O BNG non participará na farsa do PP, porque hai marxe para reducir o gasto público, pero non a costa de recortar a democracia
Así, criticou que é falso que a proposta se fundamente no aforro, pois o custo do Parlamento Galego é dos máis baixos do Estado, con 7 euros ao ano para cada galego. Pola contra, Ana Pontón, subliñou que o señor Feijoo é o cabalo de Troia do PP en Galiza para seguir recortando o escaso autogoberno de Galiza, e equipararnos ao mesmo nivel que Murcia ou La Rioja, e chamou a atención sobre que o PP plantexe esta rebaixa en Galiza pero non en Euskadi ou Catalunya.
Posición de Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira
Por último, e a preguntas dos xornalistas sobre a posición do goberno galego na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte, Guillerme criticou que mentres algunha comunidade ten a dignidade de plantarse antes medidas inxustas e entolecidas para os cidadáns, o señor Feijoo en posición de firmes, coma sempre.
http://www.youtube.com/watch?v=Pcftt9QterI&feature=plcp