O BNG pide retirar os símbolos franquistas e o PP vota en contra
Ana Pontón reclamaba criar unha comisión integrada por representantes do Goberno galego, concellos e asociacións de recuperación da memoria histórica e un calendario de prazos para a retirada dos símbolos en todo o territorio galego
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu a Proposición non de lei para retirar os símbolos en espazos públicos que homenaxean a persoas que non merecen tal distinción, iniciativa que o Partido popular rexeitou.
Pontón esixiu que a Xunta cumpra a lei para restituír a dignidade das vítimas do franquismo porque, a pesar de existir unha lei que obriga a súa retirada, algunhas institucións resístense
A deputada asegurou que o custe da retirada non pode ser un argumento utilizado polo Goberno, tendo en conta a cantidade de cartos públicos que se invisten noutras iniciativas de menor relevancia.
Pola súa parte, o portavoz popular, Hipólito Fariñas afirmou que o Goberno galego está a cumprir a lei e o marco competencial para iniciar a retirada dos símbolos de edificios, rúas e prazas corresponde ás administracións local, autonómica e estatal e a iso nos remitimos, que cada un cumpra a parte que lle toca por imperativo legal.
Na réplica, a nacionalista lamentou o cinismo do Partido popular e censurou aqueles alcaldes do PP que fan apoloxía do franquismo sen que o Goberno actúe. Mesmo temos, engadiu, algún caso significativo como o alcalde popular da cidade da Coruña que fai deixación das súas funcións mantendo un rueiro con 52 localizacións de simboloxía franquista como ten denunciado a Comisión para a recuperación da Memoria histórica.
O silencio delata ao Partido popular
A parlamentaria acusou ao Partido popular de demoler todas as políticas de recuperación da Memoria histórica iniciadas polo Goberno bipartito, vostedes non toman partido polos dereitos humanos, o toman por seguir mantendo a eses franquistas neses lugares, recalcou.
En todo o caso, dende o BNG consideramos que se está a incumprir a lei e por iso reclamamos que concellos e Xunta eliminen a simboloxía do franquismo, como a que se reflexa en grupos de vivendas sociais co xugo e as frechas.
Na nosa iniciativa pedimos unha orde de axudas de colaboración cos concellos e non entendemos porque a Xunta non quere, vostedes se votan en contra non é porque queiran darlle máis recursos os cidadáns e porque queren impedir medidas destinadas a retirada deses símbolos.
O franquismo foi un réxime ilegal, perseguiu e asasinou a moitas persoas con crueldade polas súas ideas, no Estado español o Partido popular négase a condenar o franquismo e a transición ten lagoas moi importantes, concluíu.