O BNG pide retirar a lei de Museos e elaborar un texto “máis actual e ambicioso”
O BNG propón que o novo texto se elabore en colaboración co Consello da Cultura galega, a Academia Galega de Belas Artes e Universidade pública
Merdedes Queixas defendeu converter en Museo Nacional de Galiza o Museo do Pobo Galego, potenciar os centros museísticos e documentar e divulgar as coleccións das administracións
A deputada do BNG, Mercedes Queixas cualificou o Proxecto de Museos e centros museísticos da Xunta de “conservadora, limitada e desactualizada”. Neste sentido, lembrou que o texto nin siquera recolle as recomendacións do International Council Of Museums (ICOM) do ano 2019 ou novas correntes como a museoloxía social, encamiñada a potenciar a función social dos museos. A parlamentaria nacionalistas demandou a retirada do proxecto de lei e elaborar un novo texto en colaboración co Consello da Cultura, Academia galega de Belas Artes e a Universidade pública, así como converter en Museo Nacional de Galiza o Museo do Pobo galego como o de Gales en Cardiff ou o Museo Nacional de Escocia.
Na súa intervención, Queixas propuxo sumar á lei a potenciación de centros museísticos, a súa xestión e as coleccións significativas das administracións entre as que destacou, os Concellos de capitais, Deputacións, Parlamento galego , Xunta e universidades.
A nacionalista criticou a ausencia do termo museoloxía, como ciencia da xestión do museo, “apenas se menciona a pesar da súa importancia como recurso cultural e turístico do museo e a profesionalización de museólogo/museólogo”, explicou.
Sorprende, por outra parte, que cultura non solicitara asesoramento ningún a outras entidades como a Real Academia Galega das Belas Artes ou as Universidades. Queixas tildou de “perversa política de feitos consumados” o proceder do goberno galego ao sumou “falta de transparencia e participación na tramitación lexislativa” para aportar achegas polo reducido período de exposición pública do anteproxecto, do 10 de xullo ao 1 de agosto do ano 2019.
Para a deputada é un error excluír da lei o patrimonio cultural inmaterial e o patrimonio industrial, definidos como patrimonio cultural de Galiza, ao igual que a memoria histórica.
Finalmente, a deputada do BNG remarcou que o proxecto de lei e “pouco ambicioso, desordenado” e até certo punto “caótico” na súa comprensión e conseguinte cumprimento. O Proxecto de lei tamén renuncia a regular os museos ou coleccións museográficas da Igrexa e do exército así como o labor de inspección para garantir o cumprimento das obrigas dispostas na norma.
A emenda de devolución á totalidade do BNG ao proxecto de lei foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular.+