O BNG pide responsabilidade ao PSdG para garantir gobernos municipais alternativos ao PP
Ana Pontón manifesta que fronte actuacións irresponsables do PSdG, o BNG estará á altura para ser freo de contención da dereita
Tras a reunión do Consello Nacional do BNG para analizar o escenario político de pactos nos gobernos municipais, a portavoz nacionalista, Ana Pontón pediu “responsabilidade ao PSdG para garantir gobernos alternativas ao Partido popular, en todos aqueles concellos en que sexa posible”.
Para a portavoz nacionalista, casos como Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, nos que xa houbo contactos entre o PP e PSOE, xeran “incertidume e son un acto de irresponsabilidade por parte do PSdG”, e traslada unha mensaxe “moi decepciónante” ao electorado progresista que quere e votou por gobernos alternativos á dereita.
Pontón asegurou que o 26M deixou unha mensaxe clara, “os galegos e galegas apostaron por darlle máis peso ao nacionalismo nos gobernos municipais, e imos ser fieis a ese mandato cidadá”.
O BNG é un proxecto “xenuíno, non homologábel a ningunha das outras forzas políticas, que actúa de maneira soberana e sen subordinacións”. No BNG, cremos no diálogo e diálogo, explicou a portavoz nacionalista , pode desembocar en gobernos de coalición, en apoios á investidura, en apoios puntuais ou en facer oposición. “Todas as fórmulas son válidas e en todas nos sentimos cómodas”.
Pontón afirmou que o BNG vai garantir o seu compromiso para evitar gobernos da dereita, pero ten que existir reciprocidade e altura de miras por parte doutras forzas políticas e “non podo ocultar a nosa preocupación polo que está a pasar nalgúns concellos como Barreiros ou Fene, onde estamos vendo movementos moi estraños polo que agardamos que o PSOE apoie á candidata e candidato do BNG, onde somos a forza de referencia e non agasalle esas alcaldías ao PP. “Estou convencida que os veciños e veciñas non llo perdoarían nunca”, recalcou.
“Fronte a estas actuacións irresponsables do PSdG, desde o BNG imos estar á altura e ser freo de contención da dereita en todos os casos en que sexa posíbel”.
Pontón lembrou que a remontada do BNG viuse nas europeas, onde nos situamos, dixo, como terceira forza política galega, conseguindo máis que duplicar os votos e polo tanto movendo o taboleiro político cun proceso de crecemento importante que nos permite seguir tendo voz en Europa para defender os intereses de Galiza a través de Ana Miranda.
Pero ese incremento tamén se produciu nas eleccións municipais, onde tivemos máis votos, e onde cumprimos obxectivos: Volvemos estar en todas as cidades galegas, somos decisivos en cidades como Lugo e Ferrol e lideramos por 6ª vez Pontevedra, e estamos en condicións de ter 30 alcaldías en todo o país, que representan a case 300.000 galegos e galegas que terán alcaldes e alcaldesas nacionalistas.
O BNG INCIA A PREPARACIÓN DAS ELECCIÓNS GALEGAS
Na súa intervención, Ana Pontón anunciou que o BNG xa está traballando no “reto das eleccións galegas de 2020” para conseguir un novo impulso, que “nos sitúe como referencia e catalizador do cambio real que precisa Galiza”. Neste sentido, avanzou que o BNG xa prepara un encontro nacional de política municipal nos primeiro días de xullo para trazar as liñas de actuación neste ámbito e “unha grande mobilización social o 25 de xullo” con todas as persoas que defendemos “outra Galiza posible”. O 25 de xullo, dixo, ten que ser o primeiro gran acto político que poña en marcha “un cambio” en clave de país nas galegas do 2020.
“É o momento de darlle un novo impulso ao BNG, para poñer fin a esta década nefasta de Feijóo e abrir un novo tempo da man do BNG. De poñer en marcha un cambio que poña por diante os intereses de Galiza e deixe atrás tanta incompetencia política, e subordinación a Madrid”.
LEMBRANZA A ANXELA FRANCO
A portavoz nacional do BNG, no seu nome e de toda a familia nacionalista lembrou con “afecto” á Anxela Franco, compañeira do Consello Nacional que nos deixou o pasado domingo. Unha muller, “loitadora, irrepetible, xenerosa” que sempre demostrou o seu compromiso con Galiza e o BNG e que sempre estará na nosa memoria e no noso corazón.