O BNG pide recuperar a consellería de Cultura
O BNG reclama recuperar a Consellería de Cultura e que a Xunta abra un diálogo coa Plataforma en defensa das Artes Escénicas e Musicais para chegar a acordos que resolvan a crítica situación da cultura galega.
A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe en rolda de prensa con representantes da Plataforma en Defensa das Artes Escénicas e Musicais, tras manter unha xuntanza na que lles deu conta dunha Proposición non de lei para recuperar a Consellería de Cultura, abrir un proceso de diálogo da Xunta co sector cultural, proceder a convocatoria urxente das diferentes redes de programación cultural, rebaixar o IVE nos produtos culturais e poñer un marcha o programa bono-cultura para reactivar a compra de produtos artísticos e culturais.
Unha Cidade da Cultura sen rendibilidade
A parlamentaria negou que a Xunta non teña recursos para a cultura mentres segue mantendo a Cidade da Cultura e investindo grande cantidade de fundos públicos nunha actividade de escasa rendibilidade social, propoñemos, dixo, destinar eses fundos a apoiar as redes de programación cultural.
A cultura non é ningún luxo nin privilexio,manifestou Pontón, é un nicho de creación de emprego e actividade económica, de progreso e tamén un dereito humano.Detrás da actitude do PP, engadiu, existe un modelo de desmantelamento da cultura galega con permanentes ataques a nosa lingua e unha parálise total das redes de programación cultural a través de drásticos recortes.
Neste sentido explicou que os orzamentos aprobados pola Xunta dedicarán á Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC, ) un 45 por cento de fondos menos para o ano 2013 o que empobrecerá aínda máis a vida cultural e incrementará o paro, a emigración e a precarización das persoas que traballan no ámbito cultural.
Sobre AGADIC considerou que non é de recibo que despois de catro meses permaneza sen dirección cando a axencia é a responsable de xestionara as directrices programáticas no sector.
Para Pontón, a política cultural da Xunta camiña cara un modelo no que as producións propias non teñan cabida en Galiza, marxina a cultura galega e só uns poucos terán acceso a ela.
Recuperar a Consellería de Cultura
A parlamentaria coincidiu coa Plataforma en defensa das Artes escénicas e musicais na necesidade de que se produza un cambio na forma e no fondo da xestión cultural da Xunta polo que reivindicou recuperar a Consellería de Cultura xa que a súa eliminación supuxo unha importante merma nas políticas do ámbito cultural.
Plataforma pola defensa das Artes Escénicas e Musicais
Para os representantes da plataforma, dende hai catro anos, vénse producindo un gran deterioro da actividade cultural por parte da administración derivada da súa relación coas artes escénicas e musicais.
O actor Salvador del Río afirmou que a Plataforma pretende ser unha única voz que pide un diálogo en dúas vertentes: as reclamacións dos profesionais e a da cidadanía que defende a cultura propia.
Del Río reclamou que as axudas recibidas polo sector sexan consideradas unha inversión porque xeramos emprego e actividade económica.
O representante da plataforma reiterou a necesidade de establecer un diálogo coa administración ao fin de acadar solucións a grave crise que padece o sector cultural en Galiza.