O BNG pide unha praza de pediatría en horario de tarde para desconxestionar o centro de saúde de Gondomar
A deputada do BNG, Montse Prado reclamou, a través dunha proposición non de lei, que se dote dunha praza de pediatría o Centro de Saúde de Gondomar para desconxestionar o cupo da mañá. Ademais a proposta tamén incluía manter a asistencia sanitaria en horario completo, “de mañá e tarde”.
Na súa intervención asegurou que as medidas propostas polo BNG queren “mellorar a calidade asistencial dos veciños e veciñas de Gondomar”, nese sentido demandou a necesidade de incrementar o persoal comezando por unha matrona e un pediatra porque na actualidade, “1.300 nenos e nenas son atendidos só por un pediatra” que representa unha “ratio excesiva” e contradí as recomendacións para esta atención. Para a deputada, “un profesional saturado implica un gran nivel de estrés e con menos tempo de dedicación aos nenos e nenas”.
A nacionalista insistiu na necesidade de mellorar a calidade asistencial do centro de Gondomar e para isto, dixo, é preciso que que o novo centro de Saúde, que comezará proximamente a súa actividade, debe contar con persoal suficiente para ofrecer esa calidade asistencial a comezar, dixo, por unha praza de pediatría que favorecería a “conciliación familiar” xa que moitos pais e nais se ven obrigados a acudir ao servizo de pediatría só en horario de mañá.
Desde marzo do ano pasado, engadiu Prado, o cupo de pediatría está pechado e as familias con crianzas nadas nesa data vense obrigados a desprazarse a outras consultas pediátricas de Nigrán ou Baiona.
Este problema agrávase no verán ao non substituír o SERGAS pediatra titular durante as vacacións. Por outro lado, tampouco se cobren as vacacións da matrona obrigando a suspender os cursos de preparación pre e post parto nese período ao igual eu consultas xinecolóxicas tanto de seguemento de embarazos como controis de mulleres en xeral.
A situación do Centro de Saúde de Gondomar é outro exemplo, afirmou a nacionalista da política posta en marcha polo Partido popular para “amortizar prazas e seguir aplicando recortes na Atención primaria”.
A parlamentaria lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impedira que a proposta do BNG prosperara para cubrir cunha praza de pediatra o Centro de Saúde de Gondomar e mellorar a calidade asistencial.