BNG pide a permanencia da “Tarxeta básica” como ponte durante a tramitación da RISGA, o IMV ou calquera prestación social
A portavoz en materia de Dereitos sociais do BNG, Olalla Rodil avogou “pola permanencia da Tarxeta básica como ponte mentres dure a solicitude da RISGA, o Ingreso Mínimo Vital ou calquera presentación social” co fin de garantir que as familias sen recursos podan sobrevivir.
Rodil considerou que o goberno galego ten capacidade para intervir con recursos económicos ante situacións de falta de condicións dignas polo que reiterou a urxencia de “manter a Tarxeta básica, máis alá da pandemia” porque representa “unha ferramenta útil” e vai no camiño dunha nova concepción das axudas para ás persoas en situación de pobreza ou risco de padecela mentres se atopan na situación de solicitar a RISGA, o Ingreso Mínimo Vital ou “calquera outra prestación de inclusión social”, reiterou.
A deputada nacionalista considerou que a colaboración coa Cruz Vermella, e de maneira excepcional durante a pandemia, “debe ser regulada pola Xunta”. Por outra parte, tamén aludiu a reforma da Lei de Inclusión na que deben ser corrixidas “as eivas da RISGA”, prestación social que debe ser destinada a complementar outro tipo de ingresos. Este tipo de prestacións deben poder ser solicitadas, a partir dos 18 anos sobre todo por persoas tuteladas con grandes dificultades para atopar traballo ao cumprir esta idade. Debemos, dixo, camiñar cara unha “renda única” con peso para a inserción social e laboral e sobre este aspecto, lembrou a falta de execución nos Orzamentos do ano 20 en materia de empregabilidade e mellora da formación das persoas desempregadas así como a necesidade de reforzar os servizos sociais comunitarios, sobre todo nun contexto de pandemia. Os Orzamentos para o ano 2021, engadiu apenas contemplan un incremento de 307.000 euros, cantidade, “insuficiente” ante a crise da COVID polo que reclamou aumentar os investimentos e persoal nos servizos comunitarios para traballar de maneira “máis efectiva e eficiente”.
A nacionalista reiterou que a senda a seguir é destinar unha parte dos servizos sociais comunitarios á tramitación administrativa para poder acceder ás axudas e ao labor de intervención social. “Máis recursos e máis persoal” e escoiten as propostas do BNG en materia de acceso á vivenda, un dereito social que precisa da mobilización da vivenda pública, incrementar a construción de vivenda pública e poñer vivenda baleira no mercado para garantir un dereito básico que se converteu no maior factor de exclusión social en Galiza.
Tras a comparecencia do director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado para informar das liñas dirixidas ás persoas en risco de exclusión social polas consecuencias da pandemia, a nacionalista volveu a reclamar a “permanencia” da Tarxeta básica para garantir que as familias con grandes dificultades poidan contar con ingresos básicos para cubrir as súas necesidades.