BNG reclamou no Parlamento galego que a Xunta demande, no marco da Comisión Mixta da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), a axilización no establecemento do sistema de garda de 24 horas nos xulgados de instrución dos partidos xudiciais da Coruña e Vigo, para o que só é preciso a emisión dun informe favorable por parte do Goberno galego.
O portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, fixo fincapé na necesidade de establecer un sistema de garda de 24 horas de rotación diaria (fronte ao actual, con gardas semanais e de 8 horas diarias) para acadar “unha notable melloría no funcionamento e axilización da Administración de xustiza e na atención á cidadanía, cun maior respecto aos seus dereitos fundamentais”.
Neste sentido, lembrou que todos os partidos xudiciais do Estado que contan con 8 ou 9 xulgados de instrución aplican o sistema de garda de 24 horas -“todos agás os dous xulgados galegos de Vigo e A Coruña”, recalcou- porque posibilita a presentación de denuncias xudiciais en calquera momento, atender a medidas urxentes que non admiten demoras, segundo explicou, xa sexa no ámbito civil, para a protección da saúde pública, de entrada en domicilio, sobre o internamento, a adopción de medidas cautelares ou a posta en liberdade de persoas detidas sen necesidade de alongar a situación de restrición dos seus dereitos fundamentais.
“Ao tempo, implica unha maior axilización na tramitación e reparto dos procedementos, así como unha menor ralentización no funcionamento dos propios órganos xurisdicionais”, subliñou, para a continuación advertir de que as gardas semanais supoñen unha importante desconexión cos asuntos que se están a tramitar, “que se ven paralizados durante toda unha semana pola necesidade de realizar as funcións propias da garda”. Polo tanto, para o deputado nacionalista, a medida “redundaría en beneficio tanto da cidadanía como das e dos profesionais ao servizo da Administración de Xustiza”.
Neste sentido, recordou que a proposta do BNG parte da solicitude realizada pola Xunta sectorial de xuíces e xuízas da Coruña e Vigo, que obtivo o visto bo da sala de Goberno do TSXG. Segundo explicou, logo da aprobación da medida polo Consello Xeral do Poder Xudicial, “a súa efectiva implantación depende unicamente do informe favorable da Xunta, posto que o Ministerio de Xustiza xa expresou a súa conformidade”. Pese a que a medida -tal e como recalcou Tabarés- esperta total unanimidade entre os colectivos profesionais atinxidos e fronte aos argumentos esgrimidos polo BNG, a iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.