O BNG pide investigar a desaparición de 10.000 menores ante a cara dunha UE incapaz de dar asilo

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento Europeo para reclamar que a Comisión Europea investigue a denuncia efectuada pola dirección da Europol na que se afirma que hai máis de 10.000 nenas e nenos refuxiados en paradeiro descoñecido en Europa, probables vítimas de mafias que trafican con seres humanos.

“Non podemos ser alleos a tanta dor”, proclama a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. “Europa ten que rebelarse diante da explotación e non podemos calar ao ver como a vida non vale cando se trata de persoas que foxen da explotación, da pobreza, das guerras e da persecución”, critica.

O BNG denuncia “a caótica e inhumana xestión da crise migratoria que está realizando a Unión Europea”, incapaz de poñer en marcha unha política coordinada de acollida e protección dos refuxiados e refuxiadas que chegan a territorio europeo, -26.000 deles menores segundo os datos de Save de Children-, e incapaz igualmente de promover unha política internacional pacifista.

Miranda chama especialmente a atención sobre as mortes de nenos e nenas afogados no mar ou mesmo por conxelación, mentres as autoridades comunitarias son incapaces de ir máis aló “da cháchara baleira de declaracións e contradeclaracións, de xuntanza en xuntanza, mentres seres humanos morren diante das nosas caras retransmitido a través dos medios de comunicación”.

“A UE non está ofrecendo nen asistencia, nen protección nen amparo diante desta grave situación humanitaria, e mesmo ousa anunciar que vai perseguir as accións de axuda que non estea coordinada”, denuncia Miranda, e demanda unha política de acollida coordinada e responsable onde o primeiro sexan as persoas expulsadas dos seus países pola guerra, pola miseria ou por calquera tipo de violencia.