O BNG pide a Feixóo que rectifique e retire o o expediente sancionador ao xinecólogo de Verín
Verín, lembrou a nacionalista, converteuse aqueles días na “capital da dignidade, no símbolo do dereito á sanidade pública e das mulleres a ser nais cerca da súa casa” e por iso, víronse obrigados a rectificar, “morderon a lingua e deixaron pasar as eleccións” e agora queren “cobrar a vinganza” pero en Verín a xente “non ten medo” e grazas ao diario do Támega destapáronse informes que falan por si mesmos.
Hoxe pola maña nesta mesma Cámara, Feixóo falou de “retorcer, manipular e mentir” e mesmo chegou a afirmar que “non existía o expediente disciplinario”, porque a denuncia fora formulada por unha pediatra e o informe ordenado polo xerente da EOXI de Ourense, Félix Ruibal.
A nacionalista insistiu en pedir explicacións sobre o expediente impulsado por “un cargo político da Xunta” e preguntou ao titular de Sanidade porque tardou máis de dez meses en facerse efectivo. Este proceder, dixo “cheira que apesta” e cheira sobre todo a unha orde lanzada dende Monte Pío.
Teñen que explicar, porque á Xunta lle preocupa un desacordo entre profesionais que non ten ningunha consecuencia sanitaria e sen embargo, “non investiga ningún dos graves feitos que viviron dúas nais no proceso de intento de peche da sala de partos, obrigadas a separarse dos seus bebés contradicindo todos os protocolos.
O PP castiga ao doutor Castrillo e ameaza aos profesionais
Con cada desculpa que esgrimen, engadiu a nacionalista, máis nos convencen da súa intención de castigar “a figura do doutor Castrillo e mandar unha ameza aos profesionais sanitarios” de que si responden e falan poden recibir “o castigo do goberno de Torquemada” ironizou Presas comparando ao presidente da Xunta co inquisidor.
Tras a resposta do conselleiro de Sanidade, a deputada do BNG replicou que Feixóo e o titular de sanidade deben “pedir perdón” ao doutor Javier Castrillo, a veciñanza e profesionais.
“Verín non se pecha e non o van conseguir con extorsións nin ameazas porque como din alí, se nos tocan a un, tócanos a todos os que defendemos a sanidade, os dereitos reprodutivos das mulleres e o dereito a unha vida digna no rural”, concluíu.