BNG pide explicacións no Parlamento polas axudas da Xunta para tradución de textos literarios á unha empresa allea ao sector editorial e cuxa titular foi condenada por estafa
A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas pregunta no Parlamento galego polos criterios da Xunta á hora de conceder axudas para a tradución de textos literarios a unha empresa cuxa titular foi condenada por estafa.
A nacionalista denuncia “falta de control” da Xunta na concesión das subvencións nas que a editorial “Tegra”, empresa recentemente creada, e allea ao sector editorial galego resultou a segunda beneficiaria das axudas.
A portavoz de Cultura afirma que a resolución da convocatoria de Axudas á Tradución da Xunta de Galiza provocou “o rexeitamento” das editoriais ante o feito de que as axudas se destinen a traducir obras do castelán ao galego, a financiar até tres traducións diferentes da mesma obra ou a primar o volume das obras sobre a súa calidade literaria.
Por outra parte, a nacionalista lembra que hai unha semana mantivo un encontro con representantes do sector editorial e profesionais da tradución no que advertían do “desleixo” da Xunta co sector e demandaban unha Comisión Técnica con criterios “obxectivos” para valorar e seleccionar as obras a traducir ao galego ou ben, dende o galego.
Queixas explica que a Editorial Tegra, resultou ser a segunda empresa máis beneficiada polas axudas á tradución con 30.147 euros para traducir desde o castelán dezanove títulos cuxos “méritos literarios son descoñecidos para o mundo cultural galego”. A nacionalista considera que a Xunta debe dar explicacións sobre a concesión de subvención a unha empresa constituída no ano 2020 e cuxa titular é unha empresaria que procede do mundo do construción e condenada a prisión por un delito de estafa.
Para a deputada do BNG, resulta lamentable o proceder da Xunta a pesar das advertencias dos sector editorial e profesionais da tradución que denunciaron como empresas cun comportamento carente de “seriedade e transparencia” resultan ser as maiores beneficiarias das axudas.