O BNG pide explicacións no Parlamento do “tour propagandístico” de Feixóo e Íñigo de la Serna

Íñigo de la Serna e Feixóo

A viaxe do Presidente da Xunta e o Ministro de Fomento en tren entre Sarria e Lugo obrigou a mobilizar un tren Alvia e suprimir dous servizos regulares

O BNG rexistra unha iniciativa parlamentaria sobre os custes e prexuízos causados pola viaxe en tren do Presidente da Xunta, o Ministro  de Fomento e outras autoridades o 7 de maio de 2018 entre Sarria e Lugo.

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil  cualificou de “tour propagandístico” a viaxe  en tren, entre Sarria e Lugo, realizado onte polo   presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades para o que foi necesario mobilizar un tren Alvia, suprimir horarios regulares e os servizos, A Coruña-Ourense e Monforte-A Coruña o que provocou que persoas usuarias se virán obrigadas a realizar o traxecto por estrada.

O 7 de maio de 2018, explica a deputada nacionalista,  o presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades fixeron parte dun acto público para anunciar a chegada “dunha chuvia de millóns dirixidos ao tren entre Lugo e Ourense para mellorar a conexión entre estas dúas cidades en 2021”.

O BNG preguntará ao goberno canto  custou ao erario público o “acto propagandístico” organizado polos gobernos español e galego e  como valora  o Goberno galego os prexuízos causados ás  persoas usuarias do tren.

 

Por outra parte, o BNG  tamén preguntará se Renfe reembolsou ou ten previsto  reembolsar o custe do billete a aquelas persoas trasladadas en autobús ante a supresión dos servizos regulares e cal foi a razón para que  o presidente da Xunta, o ministro de  Fomento e a delegación convidade non utilizaran  os servizos regulares  entre Sarria e Lugo.