O BNG pide explicacións a Feijóo e Conde polo traslado de 8 bloques do flotel de Ferrol a Cádiz

A deputada do BNG, Carme Adán cualificou de “tomadura de pelo” do Presidente da Xunta e do conselleiro de Industria publicitar un contrato con Pemex para construír o flotel en Ferrol e trasladar oito módulos aos estaleiros de Navantia en Puerto Real

Ante o anunciou do traslado de oitos módulos do flotel contratado para Ferrol aos estaleiros de Navantia de Cádiz, a portavoz de industria do BNG, Carme Adán esixiu “responsabilidades políticas” ao Presidente da Xunta e conselleiro de Industria e demandou que comparezan no Parlamento para explicar o traslado dos devanditos bloques.

Para a parlamentaria, “Núñez Feijóo e Francisco Conde mentiron no Parlamento” cando anunciaron que os floteis eran a “solución para o naval galego” e agora vemos como unha parte do flotel de Navantia será construída en Puerto Real.

A deputada asegurou que o traslado dos bloques resultará máis custoso ao ter que trasladalos novamente ata Ferrol en barcazas ademais de representar unha importante perda de traballo.

Adán acusou ao Presidente da Xunta e o conselleiro de Industria de “tomar o pelo” a unha comarca dabondo “deprimida” polo crise económica e desemprego. O propio titular de Industria, lembrou a nacionalista, compareceu en sesión plenaria o pasado mércores para explicar as políticas no sector naval e non fixo ningunha referencia a construción de oito módulos do flotel noutros estaleiros.

Queremos preguntarlle a Feijóo se pensa presentarse ás primarias polo Partido popular en Andalucía por un xestión “tan dilixente” para que a carga de traballo de Galiza se traslade a esta comunidade.