BNG pide explicacións ao goberno polo uso que o PP fai dun “presunto acto informativo” en Tomiño ao cargo do propio responsable de decidir as axudas para o sector empresarial
Para o BNG, o PP está incorrendo “nun uso intolerable” da súa función como goberno e provocando unha “grande preocupación no sector” ante unha invitación a un acto informativo cuxo ponente é o responsable de decidir as axudas ás empresas.
“O propio Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias convida ás empresas que puideran ou non ser beneficiarias destas axudas”. Este proceder, a xuízo do deputado nacionalista, Manuel Lourenzo, pode incorrer en “coacción” e, lonxe de informar ao sector empresarial, busca “empregar como ferramenta electoral as axudas ás que lexitimamente poderían acceder as empresas”, denunciou.
Por outra parte, o BNG tamén recriminou a utilización no cartaz do Partido Popular como imaxe representativa do sector gandeiro e agroalimentario, onde aparece un viveiro de hortensias, que en si mesmo debería poñer en cuestión a “autodefinición de especialista” que se atribúe.