O BNG pide a dimisión do secretario de P. Lingüística polo conflito laboral do profesorado CELGA
O profesorado dos cursos CELGA foi despedido tras presentar reclamacións ante a Inspección de Traballo por traballar sen contrato e sen Seguridade Social
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe na Comisión de Educación e Cultura celebrada no Parlamento galego, a dimisión de Valentín García ante o conflito laboral creado pola secretaría xeral de Política Lingüística que despediu ao profesorado dos cursos preparatorios CELGA.
A deputada explicou que a Inspección de Traballo sancionou á Xunta de Galiza pagar as contías adebedadas á Seguridade Social, tras ser presentada unha demanda dos traballadores reclamando os seus dereitos laborais e acusou ao titular de Política Lingüística de crear un novo problema deixando a moita xente no paro.
Os cursos de ensino galego para persoas adultas non comezaron con normalidade afirmou a deputada que alertou ademais da presentación de máis reclamacións, e todo por despedir pola porta de atrás a traballadores e traballadoras que reclamaban os seus dereitos laborais.
A deputada lembrou que no mes de xaneiro foi publicada a listaxe provisional do profesorado colaborador para impartir os cursos como se viña facendo durante trinta anos, e agora que hai unha sentenza que recoñece os dereitos laborais destes traballador@s, vostedes deciden despedilos.
Para a deputada os despedimentos responden a unha persecución da Xunta de Galiza que está a pisotear os dereitos da lingua galega e os dereitos básicos dos traballadores.
Vostedes tiveron propostas dende o ámbito sindical para solucionar este problema pero cerráronlles a porta para non atender as reclamacións, censurou a nacionalista.
A secretaría Xeral de Política Lingüística estase a converter nun instrumento represor do galego e dos traballadores que reclaman os dereitos laborais, afirmou Pontón.
Pola súa parte, Valentín García negou revanchismo e persecución do profesorado e asegurou que a Xunta agardará ao remate do proceso xudicial para tomar unha decisión.