A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a presidenta do Congreso desde 2016, Ana Pastor, debe dimitir dos seus cargos públicos tras coñecerse hoxe que negou a posibilidade de repetir a investigación sobre o accidente do Alvia en Santiago de Compostela, que en 2013 custou a vida de 80 persoas.
“Se as informacións facilitadas polo expresidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) e exdirector de Seguridade na Circulación de RENFE son certas, Ana Pastor non ten dignidade para continuar como presidenta do Congreso”, defendeu a eurodeputada nacionalista. Nesta liña considera “lamentable” que a exministra negara a realización dunha investigación independente por parte de ADIF.
Para Ana Miranda resulta “imprescindible” depurar responsabilidades, tanto políticas como técnicas, de todas as persoas que tiveron parte no accidente, pero tamén no freo a que se realizara unha investigación independente que aclarara as súas causas. Precisamente no informe da ERA (Axencia Ferroviaria Europea) de xuño de 2016 recoñecíase que a CIAF non cumpriu cos requirimentos de independencia que establece a Directiva Comunitaria de Seguridade Ferroviaria e instou á apertura dunha investigación que cumpra ese criterio de independencia e aborde as irregularidades identificadas.
“Diante de todas as irregularidades e a deixadez que levamos anos vendo no Estado español, unha vez máis comprobamos que a única vía que aporta claridade é o traballo feito polo Bloque en Europa”, sinala Ana Miranda, quen conseguiu que en 2017 a Axencia Ferroviaria elaborara o informe sobre o accidente. Asemade, posibilitou que unha delegación das vítimas puideran intervir na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e que en xuño deste ano foran recibidas pola Comisaria de Mobilidade e Transporte da UE, Violeta Bulc.
Comunicación á Comisaria de Transporte
Tras o novos datos coñecidos hoxe, a eurodeputada do BNG considera imprescindible a comparecencia da ERA na Comisión de Investigación que se desenvolve no Congreso, así como no xuízo. “A súa comparecencia pode aportar datos reveladores sobre a seguridade da liña e a pertinencia de acometer unha investigación independente, algo que agora sabemos que non se fixo pola negativa da exministra Ana Pastor”, sinalou Miranda.
A eurodeputada do BNG explica, por outro lado, que acaba de poñer en coñecemento da Comisaria de Transporte, Violeta Bulc, e da Axencia Ferroviaria Europea, os novos datos coñecidos sobre a negativa do anterior Executivo español a poñer en marcha unha investigación independente do accidente, tal e como aconsellaran as institucións europeas.