O BNG pide que compareza Rocio Mosquera para explicar a xesión da crise do ébola

A deputada do BNG, Montse Prado denuncia a “irresponsabilidade política” de Rocio Mosquera por “mentir a todos os galegos e galegas e profesionais” sobre a situación real provocada polo ébola

O BNG pide a “comparecencia urxente” da conselleira de Sanidade no Parlamento galego para que explique as previsións “reais” do seu departamento contra o ébola.

En opinión da deputada , Montse Prado, a “alarma social” creada pola enfermidade, contaxio e tratamento fai necesaria unha resposta inmediata da titular de sanidade. Asemade, a nacionalista denuncia a “irresponsabilidade política” e acusa a conselleira de sanidade de “mentir a cidadanía e profesionais sanitarios”.

Para a deputada, o proceder da consellería da Sanidade evidencia unha nova mostra de “deixación” por non ofrecer explicacións ante a crise do ébola e limitarse a “cubrir o expedinte” subindo na páxina web un vídeo informativo e os protocolos.

Prado recalca a “desastrosa” xestión do Goberno e censura a falta de medios nos hospitais ante posibles novos casos, “o persoal sanitario, afirma, xa denunciou no mes de agosto a precariedade dos centros galegos para atender aos afectad@s” mentres a conselleira de sanidade, segue mantendo que “Galiza está perfectamente preparada”.

A deputada critica que o Goberno galego e central non asuman a “indignación dos profesionais sanitarios” e amosa o seu “estupor” ante as declaracións do Consejero de Madrid que responsabiliza á sanitaria de Becerreá contaxiada por ébola.

Prado recalca que a grave situación reclama “unha explicación urxente e veráz” da conselleira de sanidade en sede parlamentar.