O BNG pide carga de traballo "real" para Navantia e menos anuncios electorais do PP
O portavoz parlamentario acusou ao Goberno de propaganda e triunfalismo mentres o Sector Naval e a comarca Ferrolterra esmorece por falta de carga de traballo
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe, na comisión de Industria ao Goberno polo deseño de futuro para os estaleiros de Ferrol, as promesas de creación de emprego e carga de traballo para Navantia.
O deputado lembrou que o pasado domingo, Ferrol volveu saír a rúa para exixir solucións contra a maior taxa de desemprego de Galiza, maior índice de pobreza e a emigración nunha comarca, Ferrolterra que padece unha situación agónica polo que preguntou con que deseño conta o Goberno galego e que xestións fixo para conseguir carga de traballo para Navantia.
Feijóo ten o costume de lanzar promesas en período electoral que logo non cumpre
O parlamentario lembrou que na campaña electoral do ano 2009, Feijóo asinou o Contrato con Ferrol comprometéndose a crear un gran centro de reparacións navais na ría pero a día de hoxe nada hai daquel contrato nin do centro prometido nin dos 2.000 postos de traballo que se ían crear. Dous anos máis tarde e tamén a portas dunhas eleccións municipais ano 2011, Feijóo celebrou un Consello da Xunta en Ferrol para anunciar o Plan estratéxico para reactivar Navantia, un plan que situaría a máis de 1.000 empresas e 10.000 traballadores, que foi daquel Plan preguntou Jorquera.
Cando Feijóo fixo ese anuncio no ano 2011, explicou o deputado, había máis de 2.000 traballadores da empresa principal e 4.000 en empresas auxiliares. A situación agora, afirmou, temos menos de 600 traballadores das empresas auxiliares e 500 na principal coa carga de traballo do Flotel e BAM. Jorquera criticou que o Goberno galego aceptara que Navantia pasara a depender do Ministerio de Defensa operando en exclusiva na construción naval militar e non facer nada para levantar o veto o estaleiro de Fene nin preparar o novo escenario tras o fin do veto en xaneiro deste ano.
O deputado tamén censurou que nos catro petroleiros encargados a Navantia, o groso da carga de traballo sexa para Cádiz. Vostedes limítanse a aplaudir o encargo dos petroleiros mentres as Andalucía movese para acadar máis cotas no proxecto, manifestou.
O IGAPE anuncia positivas perspectivas de futuro para Navantia
Tras a resposta do director xeral do IGAPE que defendeu que Navantia ten carga de traballo e mellores perspectivas de futuro baseadas na Industria 4.0, o nacionalista retrucou que 4.0 para o Goberno galego significa para Navantia de catro petroleiros cero na ría de Ferrol en canto a construción dun petroleiro completo, e dos estaleiros contratados por Navantia, cero para Ferrol. O deputado tamén criticou o anuncio da F100, un contrato, dixo, anunciado hai anos que non se acaba de verificar ao igual que os encargos con Turquía e Australia cando sabemos que eses buques serán construídos en Turquía e Australia e só da traballo ao departamento de enxeñería pero non carga de traballo real e efectiva para os estaleiros de Ferrol.
A Xunta fai deixación das súas funcións para participar na política industrial de Navantia
O parlamentario concluíu referíndose ao estaleiro de Fene vangarda mundial na construción de petroleiros e de plataformas desmantelado e sen visos de adaptalo ante o fin do veto, e botou man da lei para que a Xunta negocie a súa representación nos órganos de Navantia para ter en conta os intereses galegos ante a política comercial, pero o Goberno galego e Feijóo, reiterou Jorquera tampouco fixo nada máis que limitarse a criticar a política de Navantia.