A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, a portavoz de Cultura e Lingua do BNG, Mercedes Queixas instou ao Partido popular a que “pare xa” de poñerlle atrancos a lingua galega e pediu a dimisión de Valentín García “por non apoiar o seu uso no Congreso”.
Para a nacionalista, o titular de Política Lingüística “ humilla ao pobo galego” ao “impedir a igualdade do galego con outras linguas” e considerou que “non está lexitimado” para xestionar o proceso de restitución do galego desde a igualdade coas outras linguas, “cantos días vai tardar en dimitir? preguntou.
Na súa intervención, Queixas, tamén reprobou “o desprezo” de Feijóo a interpretes e tradutores burlándose do uso dos “pinganillos” e volveu a cargar contra o voto en contra do Partido popular ao uso do galego no Congreso e na UE.
A nacionalista recalcou que a sociedade galega dá a cara pola lingua de forma “reivindicativa, sen complexos, con convicción, con naturalidade, e sabendo que o futuro do galego depende de cada unha de nós”, ao que sumou a implicación social na defensa dos dereitos lingüísticos que medra continuamente como recolle o informe da Valedora do Pobo.
O PP segue impedindo que o galego viva en igualdade con outras linguas
O pobo galego, remarcou a deputada, quere ser parte do éxito do galego e non faltan mostras como a: a voz das Tanxugueiras cunha peza ben delatadora: Non hai fronteiras, o filme Matria, estrea mundial na Berlinale e premios no Festival de Cinema de Málaga, a escolla de Apple da música de Baiuca para a promoción mundial dun novo produto da marca, o filme O corno, da directora Jaione Camborda, facendo historia ao competir como filme en galego pola Cuncha de Ouro na Sección Oficial do Festival de Cine de San Sebastián, o anunciou da escritora Ledicia Costas sobre a tradución ao alemán de Golpes de Luz; Neno de lume en turco e Ultraluz en castelán. E non esquecemos o paso de Fer Castro polo programa “pasapalabra” demostrando ao longo de 84 programas a súa intelixencia e retranca acompañada de camisetas en galego “para equilibrar as forzas do universo”.
A poeta Yolanda Castaño, engadiu Queixas, acaba de recibir o Premio Nacional de Poesía por Materia e hai poucos días Paula Carballeira, o premio de Teatro. Estes son algúns dos exemplos que demostran que o “galego debe vivir en igualdade con outras linguas”, unha realidade que o Partido popular se empeña en negar sistematicamente.
Nesta liña, a deputada do BNG preguntou a Valentín García se apoiaba a ameza do PP de recorrer ante o Tribunal Constitucional o uso do galego no Congreso dos deputados? Porque o galego dixo, “ é a súa ferramenta de traballo, a lingua que lle dá razón de existir profesionalmente e xustifica o seu cargo político; vostede é quen debe garantir que se cumpra o Estatuto de Autonomía, a LNL, o PXNLG”.
Se vostede se reafirma no apoio ao voto en contra do uso do galego en igualdade no congreso e na UE, está “humillando o pobo galego e renegando da honorabilidade do seu cargo”, por outra parte, tamén practica a hipocrisía como responsábel de política lingüística porque celebra o 26 de setembro, Día Europeo das Linguas ao tempo que lle pecha as portas ao galego e cala ante a exclusión do galego no parlamento europeo.
A parlamentaria rematou a súa intervención lembrando que o Secretario Xeral de Política Lingüística ocupa o seu posto dende o ano 2012 e en todo este tempo “non mudou o Decreto de plurilingüismo, non activou o plan de socialización en galego para infancia e mocidade, non respondeu ás recomendacións do Consello de Europa nin atendeu os informes da RAG e CCG e rematará como Secretario Xeral de Política Lingüística “sen deixar ningunha medida de avance para o galego”.