O BNG pide ao PP que non avale "a fraude electoral" en Boimorto

Xosé Luís Rivas "Mini", alcalde de Boimorto

Xavier Vence acusa ao PP de comprar a vontade dun edil socialista “tránsfuga” e anuncia que o BNG estuda presentar un recurso contencioso administrativo contra a moción de censura en Boimorto por “fraude electoral”

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence pediu hoxe ao Partido popular que non apoie a moción de censura en Boimorto. Para o nacionalista, a moción representa “unha fraude electoral” e contravén o pacto contra o transfuguismo polo que anunciou que o BNG estuda presentar un recurso contencioso administrativo.

O BNG esixe a Feijóo que pare a moción de censura de Boimorto

Para o portavoz do BNG, o Partido popular “non sabe perder” e cando perde tenta gañar o poder “comprando a vontade” daquelas persoas dispostas a cambiar de bando.No caso de Boimorto, explicou, unha persoa elixida nas listas do Partido socialista que asinou o compromiso de acatamento da vontade da asemblea do PSOE en Boimorto, de pronto, cambia de bando e apoiará unha moción de censura presentada polo Partido popular.

Dende o BNG, dixo, queremos esixirlle a Feijóo e ao PP que pare a moción de censura baseada nun tránsfuga que vulnera a vontade dos veciños e veciñas de Boimorto. O PP, recalcou Vence, de continuar coa moción, “incumprirá a Lei electoral e o acordo antitransfuguismo” e advertiu que Feijóo non poderá falar nunca de “rexeneración democrática” se permite que o seu partido persiste en en presentar a moción.

“É hora de deixar de comprar a vontade de concelleiros e cargos de outras organizacións para conquistar o poder que a cidadanía non lle deu” en Boimorto porque os veciños e veciñas decidiron a alcaldía que ostenta Xosé Luís Rivas “Mini”.

Vence tildou de ilegal a moción de censura e reiterou que o BNG presentará un recurso ante o Tribunal Contencioso por vulnerar o artigo 197 da Lei electoral.

Finalmente, o portavoz nacionalista mostrou o apoio do BNG ao alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, e agradeceu o respaldo dos alcaldes nacionalistas de: Toques, José Ángel Penas, Santiso, Manuel Adán, San Sadurniño, Secundino García, A Pobra de Brollón, Xosé Luís Maceda e de Mazaricos, Xoán Blanco presentes na comparecencia ante os medios de comunicación.

Pola súa parte, a responsábel de política municipal, Goretti Sanmartin cualificou de “escenario esperpéntico político” a presentación da moción de censura que representa unha “fraude de lei” e unha burla premeditada que se sitúa na ilegalidade.

 

Mini lamenta “a viraxe” do concelleiro socialista e acusa ao Partido popular de non xogar a democracia de maneira “limpa”

O alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas “Mini” denuncio “a viraxe” do edil socialista e expliocou que tras anunciar a súa intención de integrarse no grupo de non adscritos, advertimos que algo se estaba cocendo, a cocedura, dixo, deu paso a “unha fraude electoral”. Para nós, engadiu, é doloroso porque en Boimorto estase a xogar cos votos dos veciños e veciñas. O alcalde tamén dixo que o concelleiro “tránsfuga” caracterizase por “machucar ao Partido popular de Boimorto” de aí a nosa sorpresa, “ten que haber algo gordo detrás” para que o edil cambie de opinión tendo en conta que non existe ningunha medida tomada polo goberno que poida dar pé a unha disensión no equipo de goberno.

Xosé Luís Rivas acusou ao Partido popular de “non xogar a democracia limpamente”.