BNG mostra o seu apoio ao historiador Carlos Babío denunciado pola Familia Franco por inxurias e calumnias contra o ditador
BNG amosa o seu apoio ao historiador nacionalista, Carlos Babío, nunha concentración ante a porta principal do Xulgado de Betanzos no que tivo que comparecer pola denuncia da familia Franco.
A parlamentaria do BNG, Mercedes Queixas afirmou que esta non é a primeira vez que o “compañeiro Carlos Babío” ten que declarar para se defender da familia Franco. “Os herdeiros do ditador denunciaron ao historiador Carlos Babío por ter defendido o retorno do Pazo de Meirás ao seu lexitimo dono, o pobo, e reparar así a dignidade fronte ao espolio que caracterizou á ditadura”. A familia do ditador, engadiu a nacionalista, permítese demandar agora por “inxurias e calumnias” a unha persoa que cun “argumentario razoado e contrastado” ten demostrado que se alguén actuou con “prácticas extorsionadoras, fraudulentas e espoliadoras” foi o ditador e o sistema que o avalou e amparou.
Pola súa parte, e tras comparecer no xulgado de Betanzos a través de vídeo conferencia cun xulgado de Madrid por unha imputación dun “suposto delito de calumnias e inxurias contra o ditador Franco e o réxime que representou”, Carlos Babío explicou que o libro, “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio” xunto a Manuel Pérez Lourenzo no que denunciaban o espolio que representaba o Pazo de Meirás, serviu de base para realizar informes e estudos e para que a propia Avogacía do Estado o presentara como proba. Ademais, “a avogacía presentounos fisicamente aos autores como peritos” no xuízo celebrado na Coruña para a devolución do Pazo de Meirás.
Para Babío, a denuncia da familia Franco representa “o mundo ao revés”. Utilizan algunhas das manifestacións do proceso no xulgado da Coruña para a devolución do Pazo e un xulgado de Madrid quere investigarnos por un delito continuado de inxurias e calumnias. “Un mundo ao revés”, recalcou, Babío.