congreso

BNG logra aprobar unha iniciativa para garantir os postos de traballo na Central Térmica das Pontes

Néstor Rego
A través dunha PNL rexistrada no Congreso, Néstor Rego reivindica unha transición xusta para a comarca de Ferrol garantindo proxectos de futuro, desenvolvemento económico e xustiza social.

Bloque Nacionalista Galego consegue  o apoio do Congreso  tras aprobarse a súa iniciativa na defensa dos postos de traballo das empresas, directa e auxiliares, de Enel-Endesa nas Pontes. A formación nacionalista tamén logra garantir o desenvolvemento de novos proxectos industriais para a comarcal de Ferrolterra enmarcados no proceso de transición xusta a través dun calendario de accións a realizar e con financiamento definido.

Neste sentido, a iniciativa finalmente aprobada ficou baixo esta redacción:

“O Congreso dos Deputados insta o Goberno, en coordinación coa Xunta de Galiza, a:

  1. Condicionar o proceso de fechamento a que se chegue a un acordo coa representación das e os traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro.
  2. Condicionar a participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de  MW á consecución dun acordo que garanta o emprego dos traballadores da empresa principal e as auxiliares. A asignación de novas instalacións de produción de enerxías renovables nas Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.
  3. Posibilitar que a concesión de acceso aos  nodos de rede afectados polos peches das térmicas en Galiza sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.
  4. Garantir a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans  Futur-E de Endesa.
  5. Cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en peche.
  6. Ofrecer unha solución de continuidade industrial á central das Pontes, de maneira que se garanta o mantemento dos postos de  traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas.
  7. Instar o Goberno do Estado para convocar urxentemente a Mesa de Traballo para  a Transición Enerxética Xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de ENDESA co obxecto de concretar o número de traballadores/ as afectados/ as e a súa garantía de emprego.
  8. Demandar a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos industriais e de reindustrialización necesarios a implantar nas Pontes para optar aos Fondos da UE  Next Generation.
  9. Avanzar no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.”