O BNG leva ao Parlamento axilizar o pago das bolsas de comedor das escolas infantís dos nenas en nenos en exclusión
A deputada do BNG, Montse Prado presenta unha pregunta, oral en pleno, para reclamar ante a consellería de Política social a “axilización do pago das bolsas de comedor das escolas infantís dos nenos e nenas en situación de exclusión”.
A parlamentaria argumenta na súa iniciativa que a declaración do estado de alarma pola crise sanitaria da COVID-19 provocou o peche da actividade nos centros públicos e as prestacións asociadas aos mesmos. Dentro destas prestacións, explica está o servizo de comedor dos e das nenas que acudían ás escolas infantís entre eles, os que están exentos de pago por pertencer a familias vulnerables.
Prado asegura, segundo información facilitada á propia deputada, que dous meses despois de declarado o estado de alarma e polo tanto pechados os comedores, ningún deses nenos e nenas que acoden ás escolas infantís dependentes da Consellaría de Política Social e exentos dese pago “recibiron axuda para afrontar os gastos de manutención”.
“Non entendemos a razón desta demora” critica a nacionalista, xa que desde a Consellaría comunicou que se faría cargo de forma directa e sen ningunha solicitude previa das familias, tan só se requiría como requisito asinar a aceptación por parte das familias.
As consecuencias da crise económica e social derivadas da pandemia, engade a parlamentaria do BNG, “están a ser especialmente graves precisamente entre as familias con menos recursos e os colectivos máis vulnerábeis” e resultando máis prexudicados os nenos e nenas
“Non ten xustificación esta demora”, e menos por parte da Consellaría de Política que entre as súas competencias figura a atención ás persoas máis vulnerábeis.
O BNG considera de “máxima urxencia” que a Consellaría de Política Social proceda á achegar ás familias, con “exención de pago” nas escolas infantís os ingresos de bolsa de comedor.