O BNG insta ao goberno a prohibir usos hostaleiros lucrativos en espazos declarados BIC na Illa de San Simón
O parlamentario do BNG, Luís Bará rexistra unha batería de iniciativas relativas aos usos da Illa de San Simón e exixe cumprir a lei no que atinxe ás condicións establecidas no outorgamento pola administración do Estado da concesión das illas de San Simón e San Antón, no concello de Redondela.
A Illa de San Simón, explica o deputado na proposición non de lei, é un ben de dominio público marítimo-terrestre cuxa titularidade pertence ao Estado. Por Orde do 19 de setembro de 1997, o Ministerio de Medio Ambiente outorgou á Xunta de Galicia a concesión da ocupación de 33.361 m2 de terreos para usos relacionados cos recursos mariños e posteriormente, o 12 de xullo de 2001, autorizábase a modificación da concesión anterior para levar a cabo as obras contidas no “Plan Director das Illas de San Simón e San Antonio”. Segundo esta concesión, engade Bará, a illa “non poderá dedicarse a usos distintos dos incluídos na concesión de tipo docente e cultural”. Queda “prohibido expresamente o uso hoteleiro” e a administración estatal debe informar con carácter vinculante, dos proxectos de xestión directa ou indirecta que se presten nas illas.
Por outra parte, explica Bará, establécese o principio de “acceso público e gratuíto” e a Xunta de Galicia declarou as Illas de San Simón e San Antonio, “Ben de Interese Cultural, coa categoría de Sitio histórico”.
Ante o anunciou da celebración dunha festa e cea nocturna baixo o título “Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón”, autorizada a unha navieira, o parlamentario demanda “respecto” ao simbolismo da Illa e as persoas que estiveron presas neste campo de concentración franquista polo que interpelará ao goberno sobre o cumprimento da Xunta das obrigas derivadas da concesión da illa de San Simón e San Antón, outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente en xullo de 2001 e si considera que a organización de festas e ceas privadas organizadas por empresas hostaleiras se axustan á concesión.
O parlamentario do BNG tamén preguntará si o edificio conta coas condición e vixilancia necesaria para as actividades descritas.