BNG insta ao goberno a poñer en marcha medidas económicas e sociais para paliar o impacto da suba de prezos nos fogares
A deputada do BNG, Noa Preas defendeu unha moción instando á Xunta a poñer en marcha medidas económicas e sociais contra o impacto da suba de prezos nos fogares que o PP votou en contra.
Na súa intervención, Presas propuxo modificar a fiscalidade para corrixir a falta de progresividade no IRPF aliviando a situación das rendas máis baixas, aprobar axudas temporais e directas ao sector agrogandeiro e marítimopesqueiro, incrementar a contía das principais axudas sociais: RISGA, violencia machista e pobreza enerxética, aumentando os limiares de renda para acceder a axudas públicas, e incrementar de “maneira inmediata” como mínimo “100 euros as pensións non contributivas co complemento autonómico conxelado dende hai máis dunha década”.
Hai uns días, lembrou a nacionalista, interpelamos ao goberno galego “ante a situación límite de Galiza por mor das consecuencias que ten na sociedade e na economía a suba disparada de prezos” e cada minuto que pasa, dixo, é “ unha oportunidade perdida” para frear unhas consecuencias que se disparan tan rápido como a inflación.
Nesta liña, criticou a “falta de reacción” do goberno de Feixóo instalado dende hai 13 anos en San Caetano. Un goberno, afirmou, “paralizado e de brazos cruzados” e máis centrado en buscar “culpables” que de exercer a capacidade de reacción que dá o autogoberno. Un Partido popular, engadiu centrado en “salvar as súas siglas” e non as necesidades crecentes dos galegos e galegas.
Hai 15 días, explicou, o conselleiro de Facenda non ofreceu unha folla de ruta e hoxe Feixóo nin pisou polo Parlamento e pola mañá, o conselleiro de Medio Rural, tras anos quentando a cadeira “descubriu que neste país había un problema coa venda a perdas”. Este é o panorama, enfatizou. O PP quere converter o Parlamento nun escenario para roldas de prensa e os Consellos da Xunta, “ nunha máquina expendedora de publicidade e propaganda de empaquetar medidas ordinarias como se fosen algo novo”.
Hoxe coñecemos xa o dato do avance do INE sobre o dato de inflación de marzo, 9,8%, “o máis elevado dende 1985” e descoñecemos o dato galego pero todo fai pensar que será superior aos 10 puntos por que dende que comezou a escalada inflacionista “non hai un mes no que os datos galegos non sexan superiores aos estatais” e isto ten como consecuencia un “empobrecemento máis rápido en Galiza”. Neste sentido asegurou que o 51% do fogares chegan con grandes dificultades a fin de mes, ao que sumou a crise na industria electrointesiva, no sector agrogandeiro e marítimo pesqueiro.
Tras a intervención do portavoz popular, Pedro Puy que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, a deputada lamentou o veto do PP ás propostas dos BNG e apelou á responsabilidade política do goberno para mitigar a difícil situación provocada pola brutal escalada de prezos que está a obrigar a moitas familias a prescindir de “poder encher un depósito de combustible para ir ao traballo” ou a rebaixar os gastos, mesmo en produtos de primeira necesidade, concluíu.