O BNG insiste en investigar os contratos do imputado Villar Mir e lamenta o rexeitamento do PSOE
O Bloque tamén leva ao próximo pleno a demanda dunha comisión de investigación das concesións e adxudicacións públicas ao Grupo empresarial de Villar Mir, agora imputado na Operación Lezo por suposto financiamento ilegal do PP.
“A cascada de corrupción do PP ten unha derivada moi clara para o noso país na venda ilegal das centrais do Xallas por parte de Ferroatlántica”, explicou, polo que pediu ao presidente da Xunta que se posicione.
“Se Feijóo non ten nada que agochar estamos convencidos que apoiará esta iniciativa”, dixo Pontón quen a preguntas dos medios tamén lamentou as declaracións do portavoz parlamentario do PSOE. “O PSOE ten unha especie de síndrome de Estocolmo co PP, que espero sexa capaz de superar porque nin o entendo, nin o comparto”, alegou.
Ademais, o Bloque vai levar a cabo diversas iniciativas centradas na defensa do emprego digno e en defensa do idioma e unha serie de iniciativas en relación ao agravio que sofre Galiza por parte do Estado. Ás portas da celebración do 17M, o BNG proporá na Cámara un “debate sosegado” sobre a situación do idioma porque o galego é a única lingua do país que perde falantes.
“O PP ten que asumir que o decreto do plurilingüismo o único que fixo foi cercenar a normalización do noso idioma e poñer en perigo a súa continuidade xeracional”, por contra, é necesario “un novo marco legal que ampare á nosa lingua e que serva de estimulo para que o galego deixe de perder falantes, para ganar terreo e prestixio porque forma parte do que máis nos une”.
O BNG tamén trasladará ao pleno unha serie de iniciativas para denunciar o agravio a Galiza por parte do Estado, a empezar polos orzamentos do recortazo “que consolidan un modelo antisocial” e que implican a redución en 442 millóns de euros dos investimentos do Estado cando hai moitos asuntos pendentes. “Imos pedir que o Parlamento se opoña ao orzamento do recortazo”, indicou.
Pontón tamén denunciou o bloqueo do PP á Comisión de investigación das caixas, sen convocarse desde o 23 de marzo, “case podemos dicir que está en busca e captura”, ironizou a portavoz nacionalistas, tras criticar a negativa da Sareb a enviar a información e a documentación solicitada.