O Consello Nacional do BNG inicia o vindeiro sábado, 16 novembro, o proceso para designar á candidata ou candidato á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións ao Parlamento galego, previstas para o ano 2020. Co ánimo de ir a por todas, o BNG encara as eleccións galegas como unha oportunidade para abrir un tempo novo en Galiza que remate con 10 anos dun PP que aplicou políticas lesivas e deixa a Galiza sumida nunha crise industrial e cos servizos públicos deteriorados. Fronte este fracaso, o BNG ten un proxecto de país ambicioso, con confianza en Galiza e que aposta por potenciar os sectores produtivos, a ciencia, a innovación e avanzar nos dereitos socias, económicos e de igualdade.
Co proceso de designación de candidato ou candidata á Presidencia de Galiza, cada militante do BNG pode presentar a súa candidatura, e participar na votación. Todos e todas as militantes que non poidan asistir á asemblea comarcal ás que están adscritos poderán participar a través do sistema telemático,entre os días 4 a 13 de decembro.
As candidaturas contarán cun aval de 200 militantes e cada militante poderá avalar unha soa candidatura. A Executiva Nacional do BNG porá a disposición das sedes comarcais e das candidaturas os pregos oficiais para a recollida dos avais necesarios.
As candidaturas serán presentadas entre o 26 de novembro e o 2 de decembro na Sede Nacional do BNG e deberá contar coa designación dun/unha apoderado e un/unha suplente para representala.
Tras verificar os avais, a Executiva Nacional do BNG dará por concluído o proceso para a proclamación de candidato ou candidata á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do 2020.
A militancia do BNG escolle a candidatura á Presidencia da Xunta de Galiza
Entre os días 4 a 13 de decembro as asembleas comarcais presentarán e aprobarán as candidaturas. No caso da militancia do BNG na emigración poderá exercer o seu voto de maneira telemática e con garantías de privacidade, despois de seren previamente informada por vía electrónica das propostas presentadas e que poderán votar, entre os días 11 e 13 de decembro.
O proceso rematará cun escrutinio final que será trasladado ao Consello Nacional, órgano colexiado do BNG e encargado de facer público o día 11 de xaneiro a candidatura co maior número de votos.
O proclamación do candidato ou candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións do 2020 será presentada nun acto nacional nos primeiros días do mes de xaneiro.
A proposta para abrir o proceso de elección de candidato ou candidata á Presidencia da Xunta de Galiza que será debatida na reunión do Consello nacional do BNG, o vindeiro sábado día 16 de novembro, pode estar suxeita a cambios