BNG impulsa o acordo do Parlamento para mellorar a atención e os recursos para as persoas refuxiadas
BNG acada un acordo unánime no Parlamento galego para mellorar a atención e os recursos para persoas refuxiadas e crear unha oficina específica en Galiza nesta materia.
A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, autora da proposición non de lei, iniciou a súa intervención cunha “condena rotunda” da invasión de Ucraína, unha guerra, dixo que deixa “milleiros de mortes, catro millóns de persoas refuxiadas e máis de sete millóns de persoas desprazadas internamente”. Rodil afirmou que a guerra, “nunca é a solución a nada en ningúns país, continente ou pobo, e só o diálogo e o “respecto escrupuloso ao dereito internacional” é único camiño para a resolución de conflitos.
O acordo impulsado polo BNG no Parlamento galego inclúe reclamar do Goberno do Estado a dotación de recursos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais, de tal maneira que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención ás persoas desprazadas, así como a promover as súa inclusión social e facilitarlle o acceso ao emprego.
No marco das súas competencias , a Xunta de Galiza creará “unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento” de persoas refuxiadas e demandantes de asilo que cheguen a Galiza dirixida a facilitar información e acompañar ás persoas migrantes que se atopen nesta situación así como continuar traballando, desde a coordinación co Goberno de España no plan de acollida para persoas refuxiadas que contemple, entre outras: medidas de apoio psico-social, con especial atención a colectivos vulnerables como “mulleres, persoas discapacitadas e menores de idade”, en coordinación coas Comunidades Autónomas, e unha vez aprobado, será desenvolvido e implementado pola Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias.
Para a nacionalista, a solidariedade debe primar na acollida provocada polo terror e as guerras, e o pobo galego coñece moi ben o significado da solidariedade no memento que se viu obrigado a “fuxir da persecución política e da morte”, pero tamén sabemos o que é marchar do país por razóns económicas e de miseria.
Galiza, engadiu “volcouse co pobo ucraíno como fixo con outros pobos do mundo” e durante estes meses vimos como persoas co seu vehículo ou alugando autobuses viaxaban para traer a persoas dende Ucraína. Sen embargo, no medio deste caos tamén medraron as estafas e os casos como os recentemente denunciados por trata de mulleres para seren explotadas sexualmente.
A intención da nosa iniciativa, indicou a deputada vai na liña de ofrecer garantías para que estas situacións non se produzan, de aí, que hoxe máis que nunca, sexa necesario este acordo para o establecemento de “estruturas estables e permanentes” avaladas pola administración pública co fin de amparar as persoas demandantes de refuxio.