BNG forzará o Congreso a votar sobre o rearme europeo e o aumento do gasto militar

Néstor Rego defenderá, antes de que se leve a cabo o Consello Europeo, rexeitar a proposta de Von Der Leyen e Sánchez de aumentar o gasto en armamento e Defensa
A organización nacionalista quere que o Congreso condene e rexeite as ameazas de Trump a terceiros países: Panamá, Groenlandia ou a intención de expulsar a poboación palestina da Faixa de Gaza
Abandonar a OTAN e reclamar a súa disolución mentres se aposta pola vía do diálogo e a negociación para propiciar un novo contexto de estabilidade, defende Rego
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao vindeiro pleno do Congreso unha moción, consecuencia da interpelación realizada nesta semana ao Ministro de Asuntos Exteriores, para que os grupos parlamentarios se posicionen con claridade sobre a proposta da Unión Europea e do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de incrementar o gasto militar. A iniciativa do BNG busca rexeitar a escalada armamentística proposta e defender un modelo de seguranza baseado no diálogo, a cooperación internacional e a paz, antes de que se leve a cabo o Consello Europeo.
Durante o vindeiro pleno da cámara baixa, a organización nacionalista forzará unha votación para, entre outras cuestións, rexeitar os plans da Comisión Europea e o Presidente do Goberno do Estado de aumentar o gasto militar. No marco previo á reunión do Consello Europeo do 21 de marzo, as forzas políticas con representación no Congreso deberán posicionarse.
“O BNG considera que a política de rearme impulsada pola UE e asumida por Pedro Sánchez supón unha ameaza para o benestar social, xa que o aumento do gasto militar implica restar recursos á sanidade, á educación e ás políticas de protección social” sinala Néstor Rego. Así mesmo, a formación nacionalista galega denuncia que esta estratexia só contribúe a alimentar os conflitos e tensións internacionais, afastándose do obxectivo de construción dunha paz real e duradeira.
Rexeitar o aumento do gasto militar e apostar pola vía do diálogo
No concreto, a moción presentada polo BNG recolle entre os seus puntos a necesidade de que o Congreso se opoña á proposta liderada pola Presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von Der Leyen, de constituír un fondo de 800 000 millóns de euros para destinar a gastos de defensa e compra de armamento.
“O Congreso dos Deputados insta o Goberno a renunciar a calquera incremento do gasto militar, que redundaría en redución dos recursos dispoñíbeis para políticas sociais ou investimentos públicos necesarios” recolle tamén a iniciativa da organización nacionalista.
Entre os puntos resolutivos, a organización nacionalista tamén incorpora a necesidade de apostar “pola vía do diálogo e a negociación para a paz e para propiciar un novo contexto de estabilidade e relación de boa veciñanza en Europa e no mundo”.
Antimilitarismo e antiimperialismo: fuxir da subordinación aos Estados Unidos
O BNG reclamará o apoio da cámara baixa para “rexeitar as ameazas do Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, a terceiros países, particularmente a Panamá e Groenlandia (Dinamarca). “Queremos que o Congreso condene o anuncio de Donald Trump de tomar o control da Faixa de Gaza para a converter nun resort, após proceder á limpeza étnica co desprazamento de toda a súa poboación palestina a terceiros países, o que conformaría un crime de lesa humanidade” avanza o deputado do BNG.
Así mesmo, a frente nacionalista exixe renunciar á participación do Estado español na OTAN, abandonando esta alianza militar e reclamando a súa disolución. “O Goberno debe posicionarse claramente: ou está do lado dos que apostan pola guerra e a escalada militar ou está do lado dos pobos que reivindican un futuro de paz, cooperación e benestar social” sinala Néstor Rego.