Comunicado do BNG

Posición do BNG diante do incremento do gasto militar europeo e a posición belicista da UE

1. Pola paz, a liberdade dos pobos e os dereitos humanos.

Diante da escalada militarista anunciada pola maioría de presidentes e xefes de Estado europeos, e secundada e apoiada polo goberno español, o BNG quere manifestar unha vez máis a súa rotunda oposición á estratexia belicista e a súa aposta clara pola paz, as liberdades, a soberanía dos pobos e a resolución pacífica de conflictos.

Estamos, como estivemos sempre, nunha posición claramente pacifista e contraria ao imperialismo e o militarismo nas súas diferentes manifestacións. Esta posición histórica do BNG ten hoxe máis vixencia, valor e sentido ca nunca.

Observamos con preocupación unha Unión Europea submisa ao militarismo da OTAN e dos Estados Unidos. Baixo o falso pretexto do que denominan autonomía estratéxica e a apariencia de toma decisións propias, agóchase unha clara submisión aos desígnios dos EEUU de aumentar o gasto militar dos estados que conforman a OTAN, coa finalidade de permitirlle aos EEUU centrarse na contención de China na rexión Asia Pacífico, beneficiando a industria armamentística e os intereses xeoestratéxicos dos EEUU.

Defendemos unha Europa que deixe de comportarse como súbdita dos intereses da OTAN e dos EEUU e que substitúa o belicismo suicida dos seus líderes pola defensa dos dereitos sociais, os servizos públicos universais, a soberanía dos pobos, a democracia e a paz como modelo de sociedade.

2. Por unha Europa social. Non ao incremento do gasto militar.

A política e a mediática sistémica constrúe e defende estas semanas a súa posición belicista con todas as ferramentas ao seu alcance. Busca impoñer un marco de xogo que asigna bandos e que fai caricatura de quen non apoie o discurso militarista. A simple observación da realidade amosa as costuras e a hipocrisía do seu relato.

A mesma UE que di defender a soberanía de Ucraína é a que permite, cómplice, o xenocidio do pobo palestino e a masacre de crianzas, mulleres e homes perpetrada por Israel. O proprio goberno español que anuncia máis gasto militar para facer fronte a Rusia é o que lle entrega a Marrocos a vida, o futuro e a liberdade do pobo saharaui. A mesma presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, que foi mostrar o seu apoio a Netanyahu é a que agora encabeza os tambores de guerra no leste europeo.

E todo nun contexto en que saltan polos aires os mecanismos e normas internacionais de organismos como o Tribunal Penal Internacional ou as axencias da ONU e a propia ONU.

Na actualidade o gasto militar dos países europeos é superior ao gasto militar de Rusia. Segundo datos do 2023, os países europeos, sen contar Ucraína nin Turquía, destinan anualmente arredor de 360 mil millóns de euros ao gasto militar por uns 115 mil millóns de Rusia. Ucraína destina outros 60 mil millóns.

Resulta evidente que a decisión de aumentar aínda máis o gasto militar por parte da Unión Europea e outros estados europeos externos á UE non se corresponde en absoluto coa realidade obxectiva existente nin a unha suposta ameaza de superioridade militar rusa sobre o conxunto de países europeos, que é a desculpa que utilizan para xustificar a carreira de armamentos, a implantación do militarismo e, en consecuencia, o aumento brutal do gasto militar.

É tremendamente preocupante observar como a UE e o propio Goberno español apostan por unha Europa militarista, supeditada á OTAN e disposta a facer pagar á sociedade a factura da guerra de Ucraína, un conflicto bélico claramente subsidiario da guerra xeoestratéxica que libran os EEUU polo mantemento da súa hexemonía nun contexto internacional cada vez máis multipolar.

Na UE hai 90 millóns de persoas en risco de pobreza e exclusión social. O malestar social medra pola precariedade, empobrecemento, falta de seguridades vitais e a imposibilidade das persoas de poderen desenvolver os seus proxectos de vida. As democracias europeas en crise, que viven no seu seo o avance da ultradereita e o fascismo, deciden nun momento coma este apostar polo belicismo e a costa das políticas sociais, da cohesión e dos dereitos das persoas. Máis gasto militar e menos vivenda, sanidade, pensións, servizos públicos.

Co BNG que non conten. Queren destinar 800.000 millóns de euros á estratexia da guerra. Diremos NON e defenderémolo na rúa, nos parlamentos, nas institucións. Porque non é certo: máis gasto militar non é máis seguridade. E porque as consecuencias da escalada militarista da UE poden ser terríbeis para as maiorías sociais que verán recortados dereitos e servizos.

Estamos e estaremos onde sempre estivemos: na defensa da paz e a resolución pacífica dos conflictos, nos dereitos humanos, na democracia e nas liberdades, na soberanía dos pobos e na denuncia do imperialismo e o militarismo e a esixencia da disolución da OTAN.