O BNG fíxase como obxectivo avanzar nas Municipais para ser a alternativa que desaloxe ao PP da Xunta
Eleccións anticipadas darían a Galiza a oportunidade de recuperar voz propia “tras unha lexislatura desaparecida no debate estatal”, di Ana Pontón
Cumio de alcaldes, alcaldesas e responsables municipais para poñer en común propostas de cara ás eleccións locais de 2019
O BNG celebrou un cumio municipal para perfilar a estratexia de cara as eleccións locais de 2019, cita na que a formación nacionalista se fixa como obxectivo avanzar en apoio social para conseguir máis Alcaldías e saír das urnas como a alternativa a liderar o desaloxo do PP da Xunta.
“Estamos nun escenario moi voluble pero seguiremos traballando para fortalecer desde os concellos unha alternativa de cambio para este país”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “como primeiro paso” para que o PP condenado por corrupción sistémica deixe de Gobernar Galiza.
O BNG afronta as municipais coa tranquilidade de ter os deberes feitos e poder presentar un modelo de concellos de éxito, mesmo referentes internacionais, capaces de mellorar a vida da veciñanza e dar solucións aos problemas do cada día. “Temos, unha organización solvente e cohesionada, temos un proxecto de país e temos o aval dos gobernos sólidos e de éxito dos concellos nacionalistas”, subliñou.
A dirixente nacionalista fixo referencia ao contexto político marcado pola moción de censura ao Goberno de Raxoi, tras unha sentenza que determina que o PP é un partido instalado na corrupción sistémica, moción que o BNG apoia como primeiro paso para a rexeneración do réxime do 78.
“Dure o que dure, esta é unha lexislatura perdida que constatou que Galiza precisa forzas políticas propias de obediencia galega tras tres anos desaparecida do debate estatal, que si protagonizaron vascos e cataláns mentres Galiza estivo ausente”, salientou Pontón, quen ve nun posible adianto electoral a oportunidade de que este país recupere “voz propia”. A dirixente do Bloque tamén salientou que esta lexislatura deixa a imaxe dunha esquerda estatal “desorientada”, incapaz de plantarlle cara a unha dereita “que lle marcou o espazo e o relato”.
Fronte a un PP corrupto e a un Feixóo disposto a ser un “xudas para Galiza”, o BNG está preparado para todos os escenarios e enfronta as eleccións municipais con optimismo e confianza. “Porque os concellos nacionalistas son referentes de honradez, de políticas de benestar, de calidade de vida, de defensa do idioma, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social”, valorou Pontón, ao tempo que enumeraba os “principios estruturais” da proposta do Bloque para pedir o apoio da cidadanía en 2019.
Elección de candidat@s
Concellos que plantan cara á involución democrática e a pretensión de anular os dereitos das nacións, concellos que xestionan sacándolle o máximo rendemento até o último euro, eliminando o malgasto, a chapuza e despilfarro, concellos que apostan pola equidade extrema no trato á veciñanza erradicando favoritismos e privilexios, concellos que promocionan a igualdade de xénero e de oportunidades de acceso aos servizos públicos municipais e concellos que defenden os sinais de identidade como a lingua e cultura.
En relación á elección de candidatos e candidatas, Pontón explicou que o BNG traballa co Día da Patria, 25 de xullo, como data de referencia para ter designadas ás persoas que encabezarán as listas nas grandes cidades, “coa flexibilidade necesaria para que a militancia nas comarcas tome as decisións máis acaídas en canto a persoas e proxectos para cada cidade”, concluíu.