O BNG expresa o apoio ao centro galego de Bruxelas que celebra o Festival pola Liberdade
A Executiva nacional rexeita as presións da Xunta para suspender o evento ao que asistirá a eurodeputada Ana Miranda
A Executiva Nacional do BNG traslada o seu apoio aos actos que se van celebrar no Centro Galego de Bruxelas baixo o título Festival pola Liberdade, precisamente en defensa da liberdade dos pobos e da democracia que terá lugar este sábado na capital belga.
O BNG considera intolerable calquera tipo de censura, como a exercida desde a Xunta de Galiza sobre o Centro Galego de Bruxelas, institución que se ten caracterizado todos estes anos por facer actividades internacionais de todo tipo sempre en defensa da liberdade e da democracia, en defensa de todas as culturas, tanto a de Galiza como doutras nacións sen Estado.
Por iso, a dirección do BNG afirma o seu compromiso para evitar calquera tipo de presión e censura sobre as actividades desta institución rexistrada como ONG en Bélxica, incluído o Festival pola Liberdade ao que asistirá a eurodeputada, Ana Miranda.
Este evento desenvolverá doce horas ininterrompidas de música e ten entre os artistas participantes ao rapeiro Valtònyc e a grupos como Els Catarres, Gerard Quintana y Josep Thió, Miquel Abras, El Petit de Cal Eril, Kepa Junkera & Sorginak, Cia. Clàudia Gómez y Raquel Viñuales entre outros. Ademais das exposicións a cargo dos fotoxornalistas Delmi Álvarez, Jordi Borràs, Lluís Brunet e Roser Vilallonga.