BNG exixe a rectificación do MITMA no mapa de liñas de autobús para manter as paradas no rural de Lugo
Néstor Rego reúnese cos concelleiros do BNG dos municipios lucenses que se verían afectados polo anteproxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel
Baixo o lema “Queremos autobús!” a frente nacionalista demanda ao executivo central implantar un transporte público e de calidade, esencial para a cidadanía, sobre todo nas zonas rurais e do interior do País
O Bloque Nacionalista Galego de Lugo fai entrega ao deputado do organización nacionalista no Congreso, Néstor Rego, das máis de mil sinaturas recollidas durante a campaña contra a redución das paradas de autobús para que sexan trasladadas ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana promotor dese recorte. A frente nacionalista urxe a rectificación do Goberno do mapa de liñas de autobuses do Estado e reclama a incorporación das liñas suprimidas na proposta inicial para garantir o dereito da cidadanía do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade.
O mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal, presentado polo Ministerio de Transporte en abril, supón menos paradas e rutas o que levou á organización nacionalista a rexistrar a solicitude de comparecencia da Ministra no Congreso -ademais doutras iniciativas- co obxectivo de que o Goberno mudase a proposta, pois, como xa adiantaba o deputado do BNG tras coñecer o mapa, “de non rectificar a súa decisión, desaparecerán un total de 23 paradas en vilas e concellos na Galiza nos percorridos interautonómicos”.
No concreto, en Lugo os concellos afectados son A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada e Quiroga. Por este motivo, o BNG realizou unha campaña na que recolleron máis de 1000 sinaturas para reclamar a paralización do proxecto e que agora entregadas ao deputado nacionalista no Congreso para que as rexistre diante do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Na entrega, ademais de Néstor Rego, participaron os concelleiros de Meira, Felipe Nieto; de Guitiriz, Xose Lois González Souto; do Corgo, Pilar Bellón; e de Baralla, Xose Manuel Becerra.
“O BNG seguirá a reclamar ao Ministerio a reformulación da proposta e que priorice o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” apunta o deputado do BNG no Congreso. Porén, polo momento o Goberno non parece ter intención de rectificar a súa postura, pois nunha das respostas do goberno a preguntas rexistradas polo BNG no Congreso, segue a xustificar a supresión destas paradas alegando que primarán a demanda de viaxeiros entre as diferentes Comunidades Autónomas, sen atender ás paradas intermedias. Mais, no caso da Galiza, e sobre todo no de Lugo, explica Rego, estas liñas de autobús “serven tamén para comunicar as distintas vilas e concellos do País”.
“Manter estas paradas e liñas é especialmente importante no caso galego, sobre todo nas zonas rurais e do interior, posto que é a única alternativa, en moitos casos, de transporte público” reivindica o deputado do BNG. De non rectificar, alerta Rego, prexudicaría a zonas e concellos que máis sofren o despoboamento na actualidade.
Por último, o deputado do BNG explica que a proposta formulada polo Goberno no pode basearse exclusivamente no rendemento económico das liñas senón que deben de existir criterios como o ben común e asegurar un servizo público esencial para a cidadanía.