Congreso

BNG exixe a Defensa rectificar a decisión de trasladar a Madrid os fondos documentais do Arquivo Militar de Ferrol

Néstor Rego

Centralizar estes fondos documentais de gran interese para a Galiza “é un erro do punto de vista da conservación e posta en valor do patrimonio histórico e documental”

Néstor Rego sinala que estes fondos son de vital importancia para os e as investigadoras e familiares das vítimas: “é importante mantelos nos lugares de orixe”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Ministerio de Defensa rectifique a decisión de trasladar a Madrid gran parte dos fondos documentais do Arquivo Militar de Ferrol sobre a represión franquista. A organización nacionalista sinala que estes fondos de gran interese para Galiza, especialmente os referidos á memoria democrática e a represión posterior ao alzamento militar do 36 e os anos da ditadura franquista e afirma que manter os fondos nos lugares de orixe é mellor do punto de vista da conservación e posta en valor do patrimonio histórico e documental, así como para o acceso ao mesmo por parte de investigadores e familiares das vítimas.

O Arquivo Militar de Ferrol conta cun enorme fondo documental, especialmente no referido á época do levantamento militar, guerra e posterior ditadura, conservando documentos procedentes de hospitais e gobernos militares, así como as causas e procedementos da “xustiza militar”. Constitúe, por tanto, un importante lugar de memoria e recibe un gran número de consultas tanto de familiares como de persoas investigadoras.

“Acaba de facerse público que se planea trasladar todo este arquivo documental a Madrid, para o que a Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa pediu realizar orzamento” alerta o deputado do BNG. Pretenden, explica Rego, centralizar en Madrid unha das pezas máis importantes para a historia de Galiza e a súa memoria histórica, documentos especialmente relevantes para as asociacións e persoas que investigan a represión durante os anos do Franquismo.

Ante esta situación, Néstor Rego vén de rexistrar iniciativas para que Defensa rectifique esta decisión e aposte de forma decidida, tal e como defende o BNG, a que os fondos documentais correspondentes a causas ou feitos relacionados con Galiza deberían ser devoltos a centros galegos para a súa custodia e posta en valor. “Isto non é óbice para que se faciliten copias dixitalizadas -promovendo a dixitalización dos fondos para facilitar o seu acceso- para a súa consulta tal e como o BNG xa demandara durante a tramitación da Lei de Memoria Democrática” sinal Rego.

“O BNG vén defendendo que a descentralización de fondos debería aplicarse tanto aos materiais relacionados coa memoria histórica como ao resto de fondos e elementos históricos e artísticos agora depositados en centros do Estado en Madrid pero que deberían ser devoltos aos seus lugares de orixe” recorda o deputado do BNG.

Por outra parte, o BNG lembra que ten presentadas iniciativas no Parlamento de Galiza -após coñecer os feitos- pedindo á Xunta de Galiza que medie co Estado esta decisión e se manteñan os documentos na Galiza. De levarse a cabo, sinala Mercedes Queixas, estaríamos a vivir un novo episodio da historia centralizadora que a Galiza vén sufrindo desde hai séculos coa complicidade do goberno galego que, alén de non reclamar que devolvan á Galiza o espoliado, da a calada por resposta.