BNG exixe aplicar as baixadas na AP-9 neste mes de xaneiro ou chamará a mobilizacións
O deputado do BNG no Congreso compareceu en conferencia de prensa para avaliar a situación xerada pola nova suba das portaxes da AP-9 aplicadas no día 1 de xaneiro e que converteron esta autoestrada de novo na que máis sobe de todo o Estado español. Rego considera “inadmisíbel” que as portaxes volten a subir “cando no acordo de investidura o BNG incorporou a previsión de que por primeira vez en corenta anos se produzan baixadas e descontos e, ademais, existen as partidas orzamentarias necesarias para poder aplicalas”.
O deputado nacionalista anunciou que o BNG rexistrará nesta semana unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes aclare por que non aplicou estas baixadas e si unha nova subida. Considera Rego que houbo tempo suficiente para que as mudanzas normativas que hai que realizar vía decreto puideron estar previstas con antelación para que as novas tarifas entrasen en vigor no comezo do ano. “O Ministerio sabía con certeza que os Orzamentos do Estado ían ficar aprobados en decembro e imaxino que tamén sabía que o ano comeza no día 1 de xaneiro”, ironizou.
En todo o caso, Néstor Rego considera que tres semanas son máis que suficientes para que o Ministerio poida proceder a aprobar os cambios regulamentarios que, polo visto, non preveu con anterioridade, para que neste mes de xaneiro entren en vigor as novas tarifas con rebaixas e descontos para as persoas usuarias recorrentes. Se así non for, advirte Rego, o BNG chamará a sociedade galega a se mobilizar para obrigar o Goberno “a cumprir o previsto no acordo de investidura e a asumir na práctica os compromisos coa Galiza”.
O deputado do BNG sinala que “existe un enorme enfado e descontento que diariamente nos fan chegar tanto particulares como profesionais do transporte polo incumprimento do Ministerio ao non veren reflectidas as baixadas das peaxes no comezo de ano, polo que esperamos que o Goberno e os partidos que o apoian reflexionen e rectifiquen canto antes.
Rego lembrou que no Acordo de Investidura está previsto que non se proceda á suba do 1% acumulativo durante 20 anos previsto nos convenios asinados en 2011 (José Blanco-PSOE) e 2013 (Ana Pastor-PP), que se libere de portaxes o tramo Vigo-Redondela e que se estabelezan bonificacións de 100% para as persoas usuarias recorrentes (aquelas que fagan dúas viaxes ou máis no mesmo día). “Até agora a xestión tanto de PP como de PSOE implicaron a prolongación da concesión e subas continuadas das portaxes. Neste ano, grazas ao BNG, baixarán por primeira vez na historia. Seguiremos traballando para lograr unha AP- 9 galega e sen peaxes, mais, sen dúbida, este é un paso fundamental e longamente agardado, polo que o Goberno non pode seguir demorado a súa aplicación” sinalou.