BNG urxe o Goberno español a baixar de maneira inmediata as peaxes da AP-9
Este é un dos compromisos adquiridos polo Goberno español ao asinar o acordo de investidura co BNG no pasado mes de xaneiro de 2020. Unha medida que, para alén do máis, ten xa consignación orzamentaria a través de tres partidas que suman globalmente 55 millóns de euros, dos que 50 son para bonificar as portaxes aos usuarios e usuarias recorrentes.
Tendo en conta que os orzamentos ficaron aprobados no pasado 23 de decembro resulta inexplicábel que o goberno non fixese aínda as modificacións regulamentarias necesarias para poder aplicalos desde 1 de xaneiro de 2021. De forma que, en vez de anunciar unha rebaixa das peaxes, o que anuncia o Ministerio é que a AP-9 será novamente a autoestrada do Estado español que máis sobe.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, isto resulta absolutamente inaceptábel. “O Goberno ten de cumprir os compromisos que adquiriu porque, ademais, non é un compromiso só co BNG senón co conxunto dos galegos e galegas, que están agardando que se anuncien novas tarifas que por primeira vez baixen os custos de utilización da AP-9, o que é fundamental para o noso país na medida en que esta autoestrada articula todo o eixo atlántico onde se concentra a maior parte da poboación e a actividade económica da Galiza” salientou.
O BNG vén reclamando de forma reiterada ao Ministerio que poña en marcha as medidas necesarias para poder aplicar estas rebaixas. No pasado día 27 a Portavoz Nacional, Ana Pontón, dirixiu unha carta ao Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, para exixirlle a aplicación inmediata desta medida, cuestión que o deputado no Congreso, Néstor Rego, reiterou publicamente aínda no día de onte.
“Esperamos que non esteamos diante dun novo incumprimento do Goberno co noso país e dun novo acto de discriminación á Galiza. Non hai razón para que desta vez o Ministerio non cumpra con aquilo co que está comprometido e que os galegos e galegas teñamos unha boa noticia en relación con algo longamente esperado como é a rebaixa das peaxes da AP-9” concluíu Rego.