BNG exixe aos gobernos estar vixiantes para garantir o cumprimento do acordo por parte de Alcoa
O deputado do BNG no Congreso criticou que a Ministra de Industria, Reyes Maroto, veña agora á Galiza “bendicir” o acordo cando o seu ministerio se negou a dar o paso da intervención pública temporal, “que suporía unha solución real de continuidade, sen parada das cubas”, o que abocou os traballadores e traballadoras e ter que elixir entre “o malo e o peor”. Rego salienta que “non é a mellor solución, mais os traballadores entenderon que era a posíbel nestas circunstancias, dado o abandono por parte dos gobernos”, polo que manifesta o absoluto respecto á decisión adoptada en referendo polo cadro de persoal.
Néstor Rego subliña que se os Gobernos español e galego tivesen actuado en tempo a través da intervención temporal de Alcoa, hoxe habería unha situación mellor, cun proxecto industrial que garantise a continuidade da actividade na Mariña e o mantemento da totalidade dos postos de traballo, tamén nas empresas auxiliares. Por iso critica que Reyes Maroto “veña agora bendicir o acordo ao que se viron abocados os traballadores e traballadoras, cando foi a negativa do ministerio a intervir temporalmente a planta a que provocou que se chegase a esta situación”.
Rego salienta que o BNG ve con preocupación a situación dos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares mais tamén o cumprimento por parte de Alcoa dos compromiso para a recuperación plena da actividade a partir de 2024 e para a realización dos investimentos previstos, polo que reclama que as administracións públicas “estean vixiantes para que Alcoa teña que cumprir estritamente todos os compromisos asinados.”
Aliás, o deputado do BNG lembra que garantir futuro industrial na Galiza “pasa tamén por estabelecer un marco enerxético adecuado, máis xusto e estábel, non só para Alcoa, senón para o conxunto da industria galega”, polo que reclama ao Goberno español que actúe para mudar a regulación do sector eléctrico e para posibilitar unha tarifa eléctrica galega.
“En todo o caso, o BNG continuará traballando para asegurar a continuidade dunha actividade económica fundamental na Mariña e para preservar a totalidade dos postos de traballo”, afirma Néstor Rego.