Parlamento Galego

BNG exixe ao PP que cumpra coa convocatoria de axudas ao marisqueo galego afectado polas condicións metereolóxicas

Rosana Pérez
A deputada Rosana Pérez instou a que se dea cumprimento aos acordos unánimes tomados polo Parlamento e a convocar urxentemente as axudas directas ao sector marisqueiro galego

A portavoz de Mar do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, exixiu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, a través dunha Proposición Non de Lei, convocar urxentemente as axudas directas ao sector marisqueiro galego afectado pola sucesión de condicións metereolóxicas adversas, que dean cobertura á súa redución de ingresos dende o mes de outubro de 2023 ata que se recupere a actividade con normalidade.

Despois de ter votado en contra das nosas propostas nese sentido durante toda a lexislatura anterior, finalmente, o pasado sete de maio, o Partido Popular apoiou outra iniciativa do BNG que recolle medidas para poñer en marcha actuacións para a rexeneración dos bancos marisqueiros dende a Xunta de Galiza así como dar a cobertura social axeitada ás traballadoras e traballadores do sector marisqueiro para que, por un lado, puidesen seguir mantendo unhas rendas dignas e, por outro, non se visen obrigadas a abandonar definitivamente a actividade marisqueira e se puidesen manter os postos de traballo no sector.

“Cando se van cumprir dous meses dende a súa aprobación, vemos como a situación das mariscadoras e mariscadores é moito peor”. A deputada nacionalista denunciou que a única aportación que levan recibido da Administración galega dende o mes de outubro é a de 550 euros que, dun total de 7.000 profesionais, foi aboada apenas a 4.000. Por outra banda, as axudas con cargo aos fondos FEMPA foron convocadas aínda no mes de maio e só para a paralización da actividade do marisqueo a frote nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, nos do Plan de xestión da Confraría de Noia e no específico conxunto, tamén a frote, das zonas de libre marisqueo das Confrarías de Pontevedra, Lourizán, Raxó, Sanxenxo e Marín.

A deputada Rosana Pérez sinalou que nestes casos tardarán aínda meses en cobrar pero, no resto dos casos afectados do marisqueo a frote e, sobre todo, na totalidade dos casos do marisqueo a pé as axudas  “seguen sen convocarse a esta altura do ano, cando xa moitas persoas afectadas tiveron que buscar outro traballo e cando moitas outras ou esgotaron a prestación por cese ou non puideron sequera acceder a ela”.

Ademais, o segundo punto da proposición non de lei presentada polo BNG insta á Xunta do PP a investir prioritariamente nesas axudas os 21.452.000 euros que, segundo os datos do Estado de Execución dos Orzamentos do 2023 a 31 de decembro de 2023, deixou sen executar a Consellaría de Mar.

“É verdadeiramente inxustificábel este desleixo por parte da Xunta de Galiza”, única Administración con competencias en materia de marisqueo, e resulta ademais “incalificábel a inacción en particular da Consellaría de Mar que, ademais de levar meses propios orzamentos ano tras ano”, malia ás moitas necesidades do sector do mar no seu conxunto.

A iniciativa presentada polo BNG para convocar as axudas ao sector marisqueiro non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.