O BNG esixiu na Cámara que a Xunta se implique e medie na situación do persoal traballador en ERTE do Hotel Almirante de Ferrol, propiedade de Carrís Hoteis, e demande á empresa pola aplicación duns ERTEs por forza maior cuestionados pola Xustiza e que o Goberno do PP, “aprobou durante dous anos sen causa legal e sen as mínimas comprobacións”, denunciou o portavoz de Industria, Ramón Fernández.
Fernández argumentou que “A Xunta lle debe dous anos de paro ao persoal do Hotel Almirante” e cualificou de “antieconómico” o peche de dito establecemento, xa que a Xustiza deixou acreditado a falta de veracidade nas escusas da empresa para pechar o hotel, nas que se aludía a unha avaría eléctrica que, acalara o xuíz, produciuse dous días despois de que a empresa lle comunicara ao persoal a situación de ERTE. A Xustiza, incidiu Fernández, recoñeceu “que existía e existe demanda hoteleira en Ferrol e, concretamente, no Hotel Almirante, feito que recoñece a propia directora do hotel que testemuña no xuízo a petición de Carrís, e conclúe finalmente que o peche do hotel débese a unha decisión puramente empresarial”, recriminou.
O persoal do hotel, detallou o deputado do BNG, leva en ERTE 2 anos e 9 meses en ERTE, “un Expediente de Regulación Temporal de Emprego, aínda que neste caso o de temporal xa parece máis un eufemismo”. Son 6 meses, criticou, “sen cobrar prestacións por desemprego, con previsión de estar así ate, como mínimo, abril do 2023”.
Unha situación crítica na que o Parlamento xa expresou o seu voto unánime para emprazar á Xunta a mediar no conflito, “estamos a 15 de decembro e o persoal do Almirante non ten noticias súas desde aquela reunión do 19 de setembro”, recriminoulle Fernández á directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, “van aló 3 meses, e 3 meses sen dar noticias resulta excesivo, máis aínda na situación na que se atopan estas persoas”.
O parlamentario nacionalista apelou á Xunta a ampliar a demanda de oficio que aplicou a Carrís Hoteis en Compostela e poder incluír nela ao Hotel Almirante de Ferrol, xa que na negociación deste último ERTE “déronse circunstancias análogas as que xustifican esa demanda de oficio por parte Xunta, a falta de informe técnico que acredite as causas, falta de criterios para determinar a afectación do persoal, e indicios de fraude e dolo na consecución do acordo”, argumentou Fernández. Compromisos que non foron aclarados polo goberno dos Populares.