BNG esixe á Xunta que defenda o interese xeral e convoque xa a mesa para articular a saída de ENCE da ría de Pontevedra
Luís Bará advirte ao Executivo do PP que non pode seguir antepoñendo os intereses da empresa nin poñerse de perfil e facer oposición sendo goberno
O portavoz parlamentario de Medio Ambiente apela á oportunidade histórica de desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza
“ENCE non pode seguir onde está por moito que a pinten de verde e así o imos seguir defendendo dende o BNG porque, ademais de recuperar a ría, estamos ante unha oportunidade histórica para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal”. Así se pronunciou o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, antes de participar na marcha convocada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para esixir a saída definitiva da fábrica da ría de Pontevedra.
Bará reclama á Xunta que asuma a súa obriga de poñerse á fronte do proceso convocando unha mesa na que estean todas as partes implicadas para liderar un plan de futuro que pase, en primeiro lugar, “pola saída de ENCE da ría e a recuperación ambiental dos terreos que ocupa” e, en segundo termo, polo desenvolvemento dun novo proxecto industrial para o aproveitamento integral do monte, “coa potenciación da industrial forestal con novas liñas de produtos e madeiras de calidade e o pecho do ciclo produtivo cunha planta de fabricación de papel”.
Logo de subliñar a necesaria participación pública no proceso, tanto na fase de planificación como de execución, o deputado nacionalista advirte que “a Xunta non pode seguir defendendo os intereses dunha empresa privada pasando por riba do interese xeral”, dado que a saída da factoría da ría está máis que xustificada por razóns ambientais, sociais, urbanísticas, de saúde pública “e tamén de saúde democrática”.
“A peor contaminación é a das portas xiratorias e o uso das institucións para favorecer intereses privados fronte ao interese xeral”, recalca, para reprobar a continuación a actitude do Executivo do PP, ao que reprocha que “tampouco pode poñerse de perfil porque ten todas as competencias en materia ambiental, de ordenación do territorio e de desenvolvemento industrial”.
O portavoz nacionalista de Medio Ambiente no Parlamento galego lembra que “a estas alturas está claro que a prórroga de 2016 foi concedida de maneira irregular por un Goberno en funcións que non tiña competencias para facelo” e que a Lei de Costas di que este tipo de instalacións industriais non poden estar en terreos de dominio público marítimo terrestre se non teñen relación directa co mar, como é o caso. “E por se non fose abondo, o Plan de Ordenación do Litoral aprobado pola Xunta en 2011 prevé a saída da fábrica e a recuperación ambiental e paisaxística dos terreos que ocupa”, salienta.
Bará avanza que o BNG “vai seguir defendendo nas rúas, como está facendo hoxe, e nas institucións a saída da fábrica da ría” e incide na intención nacionalista de “ir máis alá, porque pensamos que estamos diante dun contexto e dunha oportunidade histórica para recuperar a ría e para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal”.
“Aquí non vale cruzarse de brazos e botarlle a culpa aos demais, non vale como fai a Xunta, ser goberno e facer de oposición”, recalca, para concluír que “temos moito que gañar en materia de decencia democrática e defensa do interese xeral; en materia ambiental, para termos montes e rías sustentables, vivas e produtivas; e, por último, en materia de emprego, coa creación de centos de novos postos de traballo de calidade na industria forestal e no mar”.