O BNG esixe a Pedro Sánchez que poña fin á estafa do Avant e cumpra con Ourense

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Poñemos enriba da mesa unha Axenda Galega na que sexa prioridade non só a alta velocidade e a creación dun verdadeiro servizo de cercanías senón que de forma inmediata se abarate o prezo do Avant poñendo fin ao incumprimento de Feijoo e Rajoy”

O BNG recorda que no 2017 Renfe tivo máis de 70M€ de beneficios grazas ao aumento de viaxes e ninguén entende porque en Ourense pagamos un billete un 60% máis caro.

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, compareceu hoxe en rolda de prensa para insistir en que “neste novo escenario político é necesaria a defensa dunha Axenda Galega que priorice o cumprimento das débedas co noso país e que corrixa o agravio que viñemos padecendo de forma moi especial nestes últimos anos, case unha década, con Rajoy no Estado e Feijoo na Xunta. Case unha década na que Galiza e sobre Ourense, tendo gobernos monocor do PP, saíu perdendo.”

Por estes motivos “conscientes de que Ourense ten moitos síntomas preocupantes en termos de devalo laboral e demográfico, entendemos que ten potencialidades para que con políticas diferentes poidamos cambiar esta tendencia e un dos elementos que debe axudar a facelo son as infraestruturas.”

Para o BNG “É preciso que o novo goberno se comprometa co desenvolvemento dun plan de investimentos básicos no mapa ferroviario galego para dotar un servizo de cercanías e que garanta a chegada do Ave a Galiza con dobre vía e as máximas medidas de seguridade”

Presas recordou que “non todo é alta velocidade e hai unha cuestión que o BNG demanda do goberno de Sánchez: que de forma urxente, antes do comezo do curso, se poña punto e final á Estafa do AVANT pola que cada ourensá paga máis dun 60% de máis por cada billete en comparación da veciñanza do eixo atlántico. Unha medida que aliviaría a carga económica de moitas persoas e fixaría poboación”

Presas lembrou que “existe un acordo unánime do Parlamento impulsado polo BNG que Feijoo desoiu e ademais no 2017 Renfe tivo máis de 70M€ de beneficios malia partir dun saldo negativo de máis de 35 millóns, en parte grazas ao aumento de viaxes polo que ninguén entende porque en Ourense pagamos un billete un 60% máis caro”




 

Auditoría e relación de datos de atrasos

Presas mencionou que nas últimas semanas o BNG ten recibido denuncias dos continuos atrasos da liña Avant, nomeadamente do último tren de volta de Santiago, polo que demandará a través do Parlamento Galego unha auditoría desta cuestión.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG