O BNG esixe de Pedro Sánchez compromisos reais con Galiza recollidos na Axenda Galega 2020
Ana Pontón ve vital sacar Galiza da discriminación e do ostracismo político á que a levaron a submisión de Feixóo e a falta de voz propia en Madrid
“Non nos vale un Goberno que manteña o agravio a Galiza e ese será o criterio claro da nosa valoración do novo Executivo”, salienta
O BNG está empeñado en que o cambio de escenario político sexa unha oportunidade para este país e, baixo a denominación de Axenda Galega 2020, pon sobre a mesa un paquete de demandas que permitirán comprobar se Pedro Sánchez opta polo continuísmo no trato discriminatorio a Galiza ou adquire un compromiso real con temas clave para os galegos e as galegas.
A portavoz nacional, Ana Pontón, enumerou esas demandas de país en cinco reclamacións urxentes.
Levantar o veto á transferencia da AP9, derrogar a prórroga de ENCE, unha tarifa eléctrica propia similar á que xa ten Euskadi e corrixir a débeda histórica en materia ferroviaria que pasa pola chegada do AVE, conexión do eixo atlántico con Portugal e pola modernización das vías do interior Lugo-Monforte-Ourense, da conexión A Coruña-Ferrol e da liña FEVE. Por último, nesa axenda galega unha medida de gran simbolismo en termos de memoria histórica como é a devolución do Pazo de Meirás.
Pontón considera vital sacar Galiza da discriminación e do ostracismo ao que a conduciron a falta de voz propia no Congreso e a subordinación de Feixóo a Raxoi, para devolverlle o peso político que lle corresponde como nación sen Estado.
“A submisión de Feixóo e a carencia desa voz propia en Madrid foron unha combinación letal para os intereses do país porque nos conduciron á irrelevancia política nesta lexislatura”, salientou, como proba o feito de que estivese desaparecida no transcendente debate da moción, mesmo cando se nomean as nacións sen Estado. “Non é un lapsus, nin un esquecemento, é toda unha declaración política que nos despreza e busca anularnos politicamente, querendo reducir o debate sobre as nacións simplemente a Euskadi e Cataluña”, recalca.
Por contra, se algo demostrou o debate da moción é que as forzas nacionalistas “logran darlle voz propia as seus pobos e ademais actúan no Estado español como un elemento democratizador e progresista”, subliñou a dirixente do Bloque.
Xunto cos puntos básicos da Axenda Galega 2020, a formación nacionalista tamén considera urxente que o novo presidente do Goberno central aborde a derrogación da Lei mordaza, as contrarreformas laborais, incluída a aprobada polo PSOE, a LOMCE e que mostre un compromiso claro contra a violencia machista cunha medida tan concreta como dotar de xulgados específicos a todas as cidades galegas.
Iniciativa política en clave de país
O Bloque quere, igualmente, avanzar en tres temas de “gran calado”. Corrixir a discriminación financeira que soportan os concellos, con 50€ menos por habitante ca media, negociar un novo modelo de financiamento autonómico que substitúa o déficit de 3.500 M€ por un concerto económico e avanzar no autogoberno desde o recoñecemento de Galiza como nación para obter un novo status político que evite “que este país se quede atrás”.
“Para conseguir que as cousas melloren e avancen para Galiza necesitamos ter iniciativa política e poñer enriba da mesa unha axenda galega, unha axenda nacional de temas prioritarios a defender en Madrid, e facelo como país”, argumentou Pontón, “porque como galegas e galegos non nos vale un Goberno que manteña o agravio a Galiza e dea continuidade á discriminación do Estado á nosa sociedade. Como forza política galega imos esixir do novo Executivo que cumpra con Galiza e ese será un criterio clave de valoración da súa acción”, concluíu.