O BNG esixe un acordo con Mauritania que non marxine á frota galega
O BNG pide a urxente renegociación na Comisión antes de que o país africano reciba a contraprestación económica, ou vetará o acordo en Plenario
Unha representación dos mariñeiros afectados asiste ao debate na Eurocámara, convidados pola eurodeputada nacionalista
"Para poder aceptar un acordo ten que ser xusto para as dúas partes asinantes e este protocolo é inasumible porque expulsa a nosa frota cefalopodeira", salientou a eurodeputada Ana Miranda durante a intervención na Comisión de Pesca da Eurocámara que esta tarde debatía o acordo Mauritania-UE.
En presencia dunha representación de mariñeiros da frota afectada convidados polo BNG a este debate, Miranda indicou que é "evidente" que o acordo ten que beneficiar aos pescadores mauritanos, "pero non é admisible que os cefalopodeiros galegos non reciban nada e, con fondos públicos europeos se pague unha contrapartida total de 140 millóns de euros, fondos públicos que tamén saen dos impostos que pagan estes mariñeiros en paro".
"Pagamos máis por menos capacidade de pesca", criticou Miranda en relación as negociacións levadas a cabo pola Comisión Europea, "usando como argumento un documentación obsoleta pese a existir informes científicos máis actualizados que demostran o bo estado da pesquería de cefalópodos".
"Estamos ante un prexuízo enorme para a nosa frota, nunha comarca altamente dependente da pesca á que non se lle dan outras alternativas aparte de axudas temporais que chegan tarde. A nosa frota ten dereito a traballar", alegou a eurodeputada nacionalista.
A representación da frota cefalopodeira convidada pola formación nacionalista está formada por mariñeiros en pardo das armadoras Pesqueira Derime, Loirapech e Pesqueira Manuel Nores, acompañados do seu representante sindical da CIG-Mar, Xavier Aboi.